Ameixas, navallas e berberechos

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

Capachos cheos de cría de ameixa babosa a bordo do barco da lonxa de Campelo, meses atrás
Capachos cheos de cría de ameixa babosa a bordo do barco da lonxa de Campelo, meses atrás CAPOTILLO

09 jun 2022 . Actualizado a las 08:13 h.

O pasado día 2, neste mesmo xornal, puidemos ler un interesante e a vez preocupante artigo sobre a produción marisqueira de Galicia, que nos puña os pes na terra. Resulta que Galicia xa é superada por Portugal na produción de moluscos infaunales, como son as ameixas, navallas e berberechos. E moitos empezamos a preguntarnos como é posible que un país que non conta coas rías que nos temos e das que enchémolo peito dicindo que son as máis ricas do mundo, sexa quen de converterse no maior provedor deses bivalvos no mercado español.

Cando escoitamos aos responsables da Xunta insistiren en achacala falla de produtividade a causas naturais e incluso botarlle as culpas ao cambio climático, dan ganas de dicirlles que se deixen de lerias. Acaso non son as mesmas ou parecidas condicións climáticas as portuguesas que as nosas? Ou é que os portugueses poñen un paraugas na súa fronteira para paralo cambio climático? A situación xa ven de moi atrás, de maneira que hai que resolvela con profesionalidade e firmeza, sen descartar o aporte de sabia nova que cambie o chip dos actuais políticos responsables. É hora de chamarlle as cousas polo seu nome e tamén de esixir responsabilidades. Xa está ben de tapar o descontento do sector marisqueiro aportando cartos que son de todos.

Dicía o citado artigo, que fai tan só catro anos, Galicia superaba os nove millóns de quilos, cando Portugal andaba polos cinco e medio escasos. E resulta que agora, as lonxas galegas facturan 6,4 millóns de quilos e de Portugal entran en España 6,5 millóns. E non vale dicir que en Galicia habería que sumar a achega dos furtivos; pois as cifras de importación do produto portugués tampouco os considera, nin sequera contempla o seu consumo local. Xa que logo, que estamos a facer mal?

Os nosos políticos pesqueiros parece que non queren ou tal vez non saiban ou non poidan afrontar as razóns da alarmante falla de produtividade. Pois, postos a analizar e non votarlle sempre a culpa a choiva ou a falta dela, non terán algo que ver os vertidos industriais e urbanos? Non será que as rías, sobre todo a de Arousa, non soportan a densidade de cultivo de mexillón que teñen? Non habería que analizar e ordenar a solta de auga dos encoros? Non habería que facer algo máis que votarlle a culpa as tempestades tal que fixo o rei que máis endebedou a España?

A este paso, vai chegar o momento no que as axudas directas e indirectas ao sector marisqueiro van ser maiores que a rendibilidade dos bancos de ameixa, navallas e berberechos. E con tal declive na produción, haberá que pensar en desfacerse da custosa e desmesurada flota de vixilancia pesqueira da Xunta de Galicia, ou utilizala para traer os moluscos de Portugal. Seguro que nos resultaría máis rendible.