Centenarios

BARBANZA

09 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con frecuencia pregúntanlle aos centenarios cal é o segredo da lonxevidade. As respostas son tranquilizadoramente previsibles, e desde logo non se pode atopar nelas ningunha fórmula descoñecida para a eterna mocidade ou, cando menos, para a eterna senectude. Algún bebe un vasiño de viño a diario, outro admite con orgullo que le o xornal, hai quen aínda probou o cocido o pasado entroido e quen se gaba de saír apañar uns repolos á horta. Se hai un nexo en común é a súa vida baseada nas pequenas cousas.

Tampouco lles pidas grandes ensinanzas sobre a vida. Cen anos non garanten que a experiencia e a memoria te desvelen claves da existencia que non coñezan xa a xente de setenta ou oitenta anos, ou mesmo a de trinta, porque hai algúns que nacen con todo aprendido. Por riba, a vida enteira xa foi escrita polos gregos hai máis de dous mil anos e todos tendemos a repetirnos logo de tres cafés.

Aínda así, ao mirar as fotos destes campións do calendario que posan plácidos para os xornais cun ramo de flores, o señor alcalde e os fillos, penso que xa acadaron unha calma vital da que non gozan os vellos menos vellos. Hoxe a xente de setenta anos vive abondo estresada: entre follóns de fincas e vivendas, familia que anda a tombos e os problemas da causa social que decidiron adoptar ao xubilárense.

Iso lévame a pensar que se cadra a mellor receita para chegarmos a centenarios é simplemente esperar a que suceda. E, se non sucede, non pasa nada: unha entrevista no xornal que nos aforramos, que aos xornalistas cárgaos o demo.