Combates de oratoria

BARBANZA

Bernardo Codesido

14 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En certa ocasión, cando o amigo Afonso levaba ó seu fillo e un grupo de rapaces en idade preadolescente a unha das actividades extraescolares, foi vítima das súas propias palabras. Aquela tarde decatouse de que aínda cando opinas coa mellor intención, incluso tratando de animar e poñer paz entre os discutidores, as palabras non son o que din, senón o que se entende.

Era un deses sábados nos que lle tocaba acompañar a catro cativos a xogar algún partido de fútbol entre colexios. Afonso só era o condutor e os rapaces falaban dos seus asuntos sen que el participase en tales debates. Pero ese día os rapaces tomárona con un que acababa de coller moza. Era o primeiro do grupo que tal cousa facía, e o pobre, precisamente por ser o primeiro en dar tan drástico paso, converteuse en diana das bromas e mofas dos demais, aguilloándoo con malicia sobre as supostas partes negativas da cativa a quen lle facía as beiras, ata que, para ferilo máis, un deles espetoulle que como el tamén era feo non podía agardar outra cousa. E como non hai nada máis ofensivo para un adolescente ca que lle boten unha así, Afonso, apiadado do amoestado namorado quixo botarlle unha man cunha máxima baseada na súa suposta experiencia vital: «Non fagas caso, Nito, que os que son feos de cativos son guapos de maiores». A frase provocou un momentáneo silencio, ata que, desde atrás, Nito meteu a cabeza por entre os asentos dianteiros, mirou a Afonso e sentenciou sen rubor: «Oes, Alfonso, ti de neno moi guapo debías de ser».

O caso é que xa Eurípides dixera que os guapos non acostuman a ter un fermoso outono. Non o sei, pero si supoño que este Nito, ben podía participar neses combates de oratoria que agora organizan algunhas universidades e fundacións, animando a mozos e mozas a discutir sobre algún tema, verdadeiras competicións de oratoria onde a pelota ou o florete se troca pola palabra seguindo esa sentencia do escritor francés André Guide: «Para falar ben necesítase enxeño, para escoitar ben necesítase intelixencia». Nin máis nin menos que o que aquel día demostrara Nito, escoitando ben e respondendo con agudeza.

Pero, ¿quen ha de ser o xurado desas disputas orais e como as vai valorar?. Porque, o ditame de Guide tanto se lle pode aplicar a quen ten por costume facer discursos moi adornados pero faltos de miolo, como a aqueles oíntes que se deixan engaiolar con frases fermosas e oratoria moi adornada pero sen maior reflexión, iso que alguén deu en chamar palabras de bixutería.

Aí pode radicar a diferenza entre formar con estas loitas dialécticas a discutidores, leriantes ou porfiadores, porque nestes debates ocorre o mesmo ca cando escoitamos un discurso político, que dependendo da nosa sintonía co orador tanto podemos aceptar todo canto di como, pola contra, aínda das palabras máis sensatas desconfiar de que enxeño e intelixencia sexan malvados artificios dun linguateiro.

En todo caso, segundo os expertos, só os apaixonados son quen de convencer coas súas ideas, a pesares de que hai temas (os límites da liberdade, os dereitos sociais) sobre os que discutimos durante toda a vida e son as únicas materias imperecedoiras e irresolutas que lle deixamos en herdanza ós nosos descendentes.