Os cambotes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«A historia da paisaxe galega garda moitos oficios perdidos, e moitos costumes que hoxe non recoñecemos»

29 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia da paisaxe galega garda moitos oficios perdidos, e moitos costumes que hoxe non recoñecemos. Cando vemos o toxo pensamos que se trata dunha matogueira salvaxe, desprezable e que convén exterminar. Pero é que o toxo que coñecemos nós non é esa planta que noutro tempo plantaron os nosos avós para dar de comer ao gando e outros animais domésticos. Un toxo doce e suave, mastigable e dixerible que non fai feridas no corpo, algo ben distinto do espiñoso mato que hoxe coñecemos.

Contaba o meu pai que para converter os terreos baldíos en produtivos estibaban toda a súa superficie, cavando pequenas porcións de terra e volteaban cada un dos terróns, para plantarlle lume posteriormente a toda a leira. Botaban varios días queimándose na superficie producindo cinza, que era o abono perfecto para plantar posteriormente o toxo que servía de comida para os animais, tamén para estrar as cortes.

A miña tía Sinda confirmoume que viñan cada ano uns homes da terra de Lemos para facer o cavado das leiras, e facían máis de cen quilómetros a pé ou a cabalo, durmían nun dos alpendres da casa, e levábanlle o xantar ás leiras. Chamábanlle os cambotes, e o seu estilo de vida tiña máis que ver cos arrieiros que cos xornaleiros locais que vivían nas súas casas, e ademais eran especializados nun traballo concreto, que desenvolvían en distintas zonas agrícolas entre orixe e destino.

Todo ese saber, igual que moitos outros, pérdese, e as nosas terras vólvense lóbregas. Agora que a soberanía alimentaria se volve necesaria, talvez volvan vellos oficios nunha terra ordenada.