Colosos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

MARCOS CREO

«Na cidade de Ribeira hai un coloso que se pode ver dende O Grove en días claros, e que moitos ribeirenses asocian co termo feísmo»

22 mar 2022 . Actualizado a las 13:25 h.

Ateima dos rañaceos como fitos de progreso e poder foi unha constante na historia moderna dende que Elisha Otis inventou o ascensor no ano 1854, data que propiciou unha meteórica carreira para acadar os ceos. En Galicia, os primeiros que construíron edificios altos foron o Banco Pastor e as caixas de aforros, que rebentaron a silueta de case todas as vilas.

Non existe cidade que se prece sen ter un edificio civil que sobrevoe por riba das casas dos plebeos, e en moitas delas, conxuntos de rañaceos emblemáticos.

Na cidade de Ribeira hai un coloso que se pode ver dende O Grove en días claros, e que moitos ribeirenses asocian co termo feísmo, cando responde á corrente internacional antes descrita. Na Coruña está a torre máis alta de Galicia, a Hercón, que como o de Ribeira ten todas as fachadas rematadas, sen uralitas laterais, e en Compostela as catro torres de Xerardo Estévez fanlle sombra ás da catedral. Pero todos eles son edificios máis dignos que outros da contorna que, con algo menos de altura, teñen paredes laterais cegas ou recubertas de pranchas onduladas.

Por tanto, aínda que nos parezan aberracións, uns e outros son o resultado de planeamentos e proxectos, con máis ou menos acerto, pero que non pasan desapercibidos nas cidades, e moitas veces sérvennos de referencia espacial para nos orientar.

Mira que non correron ríos de tinta cando construíron a Torre Velasca no medio da zona histórica de Milán. Mira que non lle deron voltas os da Unesco, ameazando con facerlle perder o título patrimonial a Sevilla, cando un arxentino proxectou a Torre Pelli.