A Pobra do Caramiñal atópase a 3.909 quilómetros de Kiev; desde a nosa casa no Barbanza ata a pequena vila polaca de Piaski, a poucos quilómetros da fronteira con Ucraína, conduciriamos confortablemente 3.830 deses quilómetros sen necesidade de saírmos da autoestrada. De Piaski á fronteira xa circulariamos por unha estrada dun único carril en cada sentido, atopándonos de fronte cunha cola interminable de refuxiados que buscan a seguridade, tamén ameazada, da Unión Europea. Chegariamos a Kiev tras apenas tres días de intensa condución para atoparnos no medio dun horror incomprensible.
Pensamos que somos alleos aos conflitos que suceden aparentemente lonxe pero non é así nin nunca o foi. Pero tampouco quero ser un paxaro de mal agoiro, como aquel rapaz que lembro entrar nunha festa universitaria e apouparnos porque non entendía que puideramos estar pasándoo ben cando esa tarde morreran varias persoas nun atentado de Belfast. O ser humano ten mecanismos de supervivencia e de relativización, e está ben que sexa así porque é o xeito de poder vivir.
Pero iso non debe excluír que, nun mundo moi conectado, todos e cada un de nós somos parte do conflito. Porque cociñamos con gas, prendemos luces, mercamos en supermercados ou empregamos teléfonos móbiles.
Deberamos preguntarnos que facer, coas nosas capacidades, para frear esta desfeita. Porque esta Ucraína que está nas nosas portas, invadida brutalmente por Rusia, somos tamén nós mesmos. E a só 3.900 quilómetros decídese moito do noso futuro.