A estas alturas a polémica do festival segue coleando sen moita razón de ser
07 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Dicir que o Benidorm Fest foi polémico é quedarse moi curta. A estas alturas o tema segue coleando, sen moita razón de ser, porque por moita pataleta colectiva que haxa a decisión está tomada e será Chanel a que vaia a Eurovisión. Así que, no canto de alporizarnos, igual é máis produtivo sacar algunha lección de todo isto.
As Tanxugueiras conseguiron que a maioría dos galegos sentíramos orgullo pola nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música, ata o punto de soñar que Terra podería chegar a Turín e que ata ás que nunca soubemos coller a pandeireta nos entraran ganas de botar un retrouso. Son innumerables as declaracións gabando a bandeira que fai o trío da tradición e do idioma... Só falta, iso si, que poñamos un pouco máis en práctica o que promulgan Aida, Olaia e Sabela e, ademais de loar que elas canten en galego, nós o falemos.
O soño eurovisivo durou pouco, pero a sorpresa non debería ter sido tan maiúscula. O xurado deu o primeiro aviso na semifinal e víase vir: demasiado peso identitario e popular para un festival que, ademais de un espectáculo, é un negocio. Así que a segunda opción para moitos era Rigoberta, a máis votada na segunda semifinal. Que podía fallar? Parecía que Ay mamá o tiña feito, pero ao final resultou que as tetas si que dan medo, según quen, como e por que as ensine, claro.
Impúxose o que, din os entendidos, é un produto comercial perfectamente deseñado pola industria para facerse de ouro. Pero aquí, foi o populacho o que deu a lección, e ante os que argumentan que o pobo só quere circo e que se hai tanta telebasura é porque o público o pide, demostrou que non, que ten o seu propio criterio e que a súa aposta esta vez era outra.