Xosé Alfredo Pereira: «O monte veciñal é un préstamo dos nosos netos que debemos devolver»

Xoán Ramón Alvite Alvite
xoán ramón alvite MAZARICOS / LA VOZ

BARBANZA

Alvite

El presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común asegura que a entidade persegue un marco legal que permita mellorar a xestión

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Case a metade das 58.600 hectáreas que teñen a consideración de terreo forestal na área de Barbanza están xestionadas polas 159 comunidades de propietarios en man común existentes na zona. Entidades que aglutinan a máis de 8.100 comuneiros e que, en opinión de Xosé Alfredo Pereira, corren serio risco de desaparecer por mor dos cambios que se van introducindo na normativa que regula o seu funcionamento.

De feito, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común —ocupa o cargo dende a súa fundación, en 1997— non dubida en sinalar que están sendo obxecto dun «ataque feroz e furibundo» que busca privatizalas e retirarlle a xestión aos seus lexítimos propietarios.

—Por que pensa que o monte veciñal corre perigo?

—Principalmente, polas diferentes políticas que se están poñendo en marcha dende a Administración autonómica, máis encamiñadas a contentar ás grandes multinacionais forestais e madeireiras que a consolidar a figura das comunidades de propietarios en man común. En calquera caso non resulta nada novo, porque historicamente fomos obxecto de persecución dende que en 1812 a primeira constitución liberal só establecese dous tipos de propiedade: a pública e a privada, deixando nun limbo legal este tipo de terreos.

—Falan, precisamente, do concepto xermánico da propiedade destas comunidades.

—Iso é. Considérase que figuras como as relacións xurídicas mancomunadas ou a comunidade de bens proceden directamente do dereito xermánico, dado que o romano baseábase na idea de propiedade individual.

—Quere dicir que os montes veciñais non teñen dono?

—Efectivamente, os montes en man común non teñen dono, senón que pertencen aos que viven nun determinado lugar si cumpren as normas comúns establecidas por todos. Son alienables e non se poden vender, nin dividir. Sempre digo que estes terreos non son unha herdanza dos antepasados, senón un préstamo que nos fixeron os nosos netos e que lle temos que devolver no seu momento.

—Dende a súa organización impulsan unha iniciativa lexislativa popular para protexer estas agrupacións. Que perseguen?

—Sobre todo, reforzar o seu carácter xermánico e mellorar o seu funcionamento asembleario e democrático. Tamén queremos que se recoñeza a titularidade veciñal como unha mais, distinta das titularidades públicas e privadas; acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel e unha fiscalidade axeitada á figura e ás funcións dos montes veciñais. Queremos, en síntese, garantir a supervivencia do monte veciñal.

—Os seus detractores critican que moitas entidades non son capaces de realizar unha xestión profesional e eficiente.

En Galicia hai máis de 3.000 comunidades de montes veciñais en man común e, evidentemente, non todas funcionan igual. Precisamente, o noso obxectivo é o de buscar un marco legal que permita mellorar este aspecto. O que si está claro é que as comunidades veciñais non somos reliquias do pasado, nin moito menos un grupo de persoas que só se xuntan cada ano para recoller os dividendos da venda da madeira ou para repartir os cartos que nos dea a empresa que nos xestiona o monte. Pensar iso é estar fóra da realidade duns colectivos que teñen unha enorme importancia, no só económica ou social, senón tamén para a protección da paisaxe, o ciclo da auga ou mesmo a protección do patrimonio.

—Conceptos que, ao parecer, vostedes van recoller pronto nunha guía didáctica.

—Si, de feito xa foi elaborada polo Instituto Galego de Terras Comunitarias e esperamos que sexa unha ferramenta moi útil para que os escolares entendan o que é unha comunidade de montes en man común, como funciona e a importancia que teñen nos lugares nos que se existen. Pensamos que é importante explicar todo isto ás novas xeracións que, nuns anos, serán os que deban xestionar este patrimonio existente en Galicia dende tempos inmemoriais.

«O terreo coidado non arde»

O comuneiro é un firme defensor de que sexan as propias comunidades, e non a Administración, as que leven a cabo a xestión diaria do monte en man común. Neste sentido, tamén sinala que un bo aproveitamento do terreo é a mellor garantía de que o monte non arda.

—A Administración quere encargarse da xestión naquelas comunidades que sexan incapaces de facelo por si mesmas. Como valoran esta medida?

Consideramos que teñen que ser os propios comuneiros os que leven a cabo a xestión do seu monte ou, no seu defecto, os que eles decidan quen a vai levar. Entendemos que asuntos de tan pouco peso como o feito de non presentar a relación de comuneiros nun prazo concreto non pode ser, como perseguen, un motivo para intentar privatizar a xestión do monte.

—Cales son os usos máis habituais nos montes veciñais?

A día de hoxe, máis de 700.000 hectáreas, case a cuarta parte do territorio galego, é monte veciñal polo que os seus usos son múltiples e variados. Evidentemente, o máis habitual segue a ser a corta de madeira, pero tamén o aproveitamento micolóxico ou a obtención de froitos roxos, mel ou resinas.

—Entón, tanto potencial ten o monte galego?

Moito, moitísimo. De feito, xa hai moitas comunidades, a de Baroña é un claro exemplo de bo facer, que están diversificando cada vez máis a súa actividade poñendo en valor aspectos que ata o momento estaban sen aproveitar. Ese ten que ser o camiño para que o monte siga sendo un sustento do mundo rural como o foi sempre.

—En moitos lugares segue a haber dificultades para que os veciños se impliquen na xestión do seu monte. Que poden facer as directivas das comunidades de montes neste sentido?

Resulta fundamental buscar un vínculo que faga interesante o monte veciñal. Debe ser a propia comunidade a que elixa este camiño, porque non hai mellor forma de implicar a un comuneiro que facelo partícipe das decisións. Do mesmo xeito que o terreo coidado non arde. Non hai mellor maneira de logralo que telo produtivo.