O principio do achado

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

30 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega fin de ano e xa comezamos a ver nos medios balances que tentan sacar o zume do pasado inmediato e a condensar o ano en titulares ou, se sobra tempo, mesmo nun par de parágrafos. Temos listas do ano, as noticias máis destacadas e moitas veces os xornalistas pedímoslles a (moi) pacientes expertos unhas reflexións sobre noticias que, moitas veces, aínda non remataron.

Todo é unha convención, porque un ano en realidade, non é nada: pode sernos útil para os orzamentos, as lexislaturas, as comidas de aniversario, os sorteos da lotería ou os anos fiscais, pero é unha arquitectura pantasmal para a vida, onde o que importa son as estacións e o seu pasar. Cando eu miro para atrás no 2021 non vexo nada, en realidade: non vexo porque eu sigo correndo para adiante a apagar o seguinte lume da vida, e o que ficou atrás xa o sementarán outros.

Tamén reparei en que isto dos bos ou malos anos nunca sabes onde che levan. Ás veces pensas que foi un ano de decisións positivas, e tempo despois ves que resultou todo o contrario. En xeral, as persoas non somos bos xuíces de nós mesmos: facémonos moitas trampas. Pero tampouco hai que fiarse demasiado dos demais.

Saberei deste 2021 que está a piques de rematar dentro dun tempo. Baterei de casualidade con algúns destes artigos da Voz, lembrarei un sucedido. E nese momento, o meu cerebro inventará que aí comezou todo, tentando darlle sentido a unha existencia que poucas veces o ten. Deixémolo en que cada ano pode ser un punto de partida, aínda agachado, para o futuro. Aínda menos mal.