Un cavilador con método

BARBANZA

Bernardo Codesido

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicían os antigos gregos que fora Afrodita quen creou os ollos, mesturando con arte os catro elementos, a auga, o lume, a terra e o aire, e despois acendeu dentro unha especie de fogueira por medio da que se iluminaban os obxectos para facilitar a visión. Era algo moi fermoso para contar, pero ó científico musulmán Alhacén (964-1049), despois de pensalo moito, non lle cadraba.

En Basora, a súa cidade natal, a aquel que se engaiolaba mirando un simple raio de luz, non lle prestaban atención cando negaba tal mito. Padecía do que padecen todos os caviladores: incomprensión e teimosía. Pero el seguía nas súas, sabía que non era un babiolo, pero tíñano por un infeliz, como se ten a todo aquel que non comparte as crenzas da maioría. ¿Como ía el a negar o que sabía todo o mundo?. Consciente de que se facía algo interesante dábanlle palmadiñas nas costas e se non cortábanlle a cabeza, un día, querendo darse a valer, ó saber dos problemas que tiñan en Exipto coas grandes enchentes do Nilo, comezou a dicir por foros, tabernas e rueiros que el era quen de moderar o seu ímpeto, e explicábao tan claramente que o califa do Cairo mandouno chamar para remediar o eterno problema das crecidas.

Alhacén púxose mans á obra, e despois de estudar o caso e de visitar o lugar máis idóneo para reter as augas, deseñou unha serie de represas na zona de Asuán, no mesmo lugar en que hoxe en día está a moderna presa construída durante a década dos anos sesenta do pasado século; pero daquela (séculos X e XI) non todo o que estaba ben na teoría se podía levar á práctica, e despois de gastar en dietas unha boa parte do presuposto, para non desdicirse, temendo a ira do sultán, fíxose pasar por tolo e deixou que o enclaustrasen durante máis de dez anos agardando a que curase.

Pero durante a suposta loucura e consecuente encerro, por aquilo de non perder o tempo, dedicouse a facer experimentos sobre a luz, aplicando por primeira vez os seus coñecementos de cálculo e xeometría, e polo que hoxe se considera o primeiro científico con método. Nesa reclusión, onde ninguén o molestaba, sacou tempo para redactar o máis grande tratado de óptica ata aquela nunca escrito, sobre a reflexión, a refracción ou como se forma o arco da vella, pero tamén para seccionar e estudar os ollos ata descubrir e demostrar que estes non iluminan a imaxe, como se dicía, senón que a forman.

E foi observando as luces e as sombras cando fixo outro gran descubrimento, ó ver como un raio de luz que se coaba por un furado dentro dunha habitación escura, proxectaba na parede oposta a imaxe do exterior de maneira invertida, polo que estivo a punto de inventar a cámara fotográfica. Só lle faltou coñecer as propiedade do bromuro de prata para facer fotos, pero a falta del ofreceulle ós pintores e retratistas unha nova técnica para copiar escenas de maneira fidedigna, e se non fose porque era musulmán e o islam prohibe a representación do rostro humano, había de ter moitos devotos que lle gardarían lei, e quen sabe se hoxe non sería o patrón e avogoso dos fotógrafos e dos oculistas.