Un meme o outro día en Internet pegounos unha labazada aos que pasamos dos 40. O conto visual era moi simple: advertíanos de que existe a mesma distancia temporal entre o ano 1979 e o 2000 que entre o 2000 e hoxe en día. Esta obviedade é a típica certeza que encerra un gran paradoxo. Porque pode ser a mesma distancia temporal, pero parece que pasou moito máis tempo.
O 1979 parece pertencer a unha época tan distinta: cunha única canle de televisión, pantalóns aínda de campá, gafas de pasta grosa ou rinchantes carros con palla polos rueiros. No 2000, pola contra, fomos rematando as carreiras universitarias, faciámonos a primeira conta de Hotmail, abriámonos ao mundo. É un mundo que recoñecemos alén do niño familiar e a infancia.
Pero ese lugar, aínda que non o creamos, tampouco está xa. A prosodia da xente nova xa cambiou con respecto á nosa dos 2000, e se agora observamos vídeos desa época, decatarémonos de que estabamos máis preto dos 80 que do que hoxe en día. Xa non compartimos apenas outros referentes que os aprendidos nas escolas, e nin sequera os da televisión. Os meus alumnos non coñecen Xogo de tronos, que non deixaba de ser un produto para xente de 30 e 40 anos.
Non é algo que me inquiete, nin moito menos, porque sei que iso é lei de vida desde o Paleolítico. Eu estou noutra lea: como conseguir, no mundo actual, que ese cambio xeracional non supoña unha barreira ou unha perda de saberes e coñecementos. E se cadra aí a responsabilidade estea máis nos maiores ca nos novos.