Next é agora

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos as estatísticas reflicten unha tendencia clara ao crecemento nos orzamentos de cultura municipais. Isto sucede en toda Galicia e aínda non se ten explicado suficientemente: é como se houbera un certo cambio de sensibilidade mesmo en partidos con sensibilidades e ideoloxías distintas. O que podemos estar seguros é que non se puxeron todos de acordo.

Eu teño unha teoría. Se nos paramos a pensar, despois de corenta anos de goberno autonómico galego, o resultado é unha enorme dotación de equipamentos culturais en boa parte dos concellos do país. Auditorios máis que decentes, casas de cultura, bibliotecas, museos locais.

De feito, temos moitos máis equipamentos que programacións culturais, diría eu. Boa parte da infraestrutura precisa para a cultura está cuberta e, quéirase ou non, cómpre dirixir a acción municipal cara outro tipo de accións. Encher eses recursos de contidos é a alternativa máis razoable.

Do balbordo soterrado que hai coa chegada do maná europeo que supoñen os fondos Next Generation, cómpre pasarmos a unha discusión aberta de cara onde deben ir eses cartos e como poden repercutir na riqueza local e na calidade de vida dos cidadáns. Coa maior parte das infraestruturas municipais finalizadas e en bo estado, sería unha tolería gastar en máis cemento.

Debemos investir nas persoas e na cultura que as constrúe, na formación que as prepara no futuro, na calidade de vida que engade benestar. Os concellos precisan unha visión. E aí temos que participar todos.