Xente das marxes

BARBANZA

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Confeso que o outro día, cando me enterei da nova de que Andrés Dobarro gravara a escena do Camiño de San Antón do filme En la red de mi canción na parroquia sonense de Baroña, o primeiro que fixen foi ir ver de novo o vídeo no Youtube. Tiña a idea de que fora filmada se cadra pola parte de Cedeira, pero petei na fronte cando me decatei, nos primeiros planos, da subida a Ribasieira. Claro!

O caso é que volvín a mirar o clip, porque son un fan declarado de Andrés Dobarro, a súa música lixeira, a alegría das súas letras e porque me gusta imaxinar un mundo no que houbese moitos Andreses Dobarro cantando en galego nas televisións e radios, alegrando coa nosa lingua a vida da xente e contaxiando retrousos deses que se pegan ao cerebro.

Agora xa non vin no vídeo nin a Andrés nin a Concha Velasco. Fixeime, claro, nos veciños, en todas eses figurantes que aparecen nas marxes da filmación. Estupendos actores. Eu creo que os da película lles dixeron: facede como se estiverades nunha romaría. E os veciños dixeron: e ben, se non queda máis remedio que ir de festa, pois vaise, o que faga falta.