Daniel Gómez, un mestre no teatro

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

«Coñecer a Daniel foi, para todos e cada un dos membros do Grupo de Teatro Municipal de Ribeira, unha auténtica fortuna»

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecer a Daniel foi, para todos e cada un dos membros do Grupo de Teatro Municipal de Ribeira, unha auténtica fortuna, xa que ao seu valor como actor hai que sumar a súa valía como persoa, como compañeiro entregado á arte dramática, vivindo cada momento de creación, de exercicio ou preparación, de ensaio… achegando suxestións e embelecendo cada guión ou cada libreto para que o espectáculo resultase fantástico.

A súa labor como mestre de teatro infantil foi intensa, non só fundando o Obradoiro de Teatro do CEIP O Grupo, senón tamén participando activamente en todas as Mostras Municipais de Teatro Infantil e colaborando na súa posta en marcha sendo este o motivo polo que a corporación decidiu o pasado 3 de novembro poñer o seu nome a este ciclo xurdido en 1997.

Daniel foi un mestre de vocación, gozaba ensinando aos cativos e entregábase en corpo e alma para que aprendesen a convivir, a coidar aos demais, a ser solidarios, a converterse en cidadáns honrados e valentes comprometidos coa sociedade, ese foi o seu traballo durante anos no Grupo, onde tamén formou parte do equipo directivo como secretario e deixou a súa pegada en varias xeracións quen sen dúbida o chorarán hoxe.

Daniel, membro do noso grupo de teatro dende os seus comezos fai máis de dúas décadas, participou en montaxes como A barca sen pescador, A Malquerida, Cousas entre outros e estaba agora ensaiando o papel de Marqués na última montaxe, O rei Telesforo busca noiva, espectáculo que non se estreará ata o vindeiro 11 de decembro e do que tiña grande ilusión, xa que foi, coma sempre, o primeiro en aprender o papel, en traballalo e mimalo para despois dedicarse a axudarnos aos demais; ese desexo da estrea frustrada en varias ocasións, sendo a última por causa da pandemia, verase cumprido nas vindeiras semanas e será dedicada a el co agarimo de todo o grupo que neste intre sinte un baleiro inmenso e infinito que permanecerá para sempre.

Daniel estivo activo ata o derradeiro instante, na súa enfermidade cruel e infame que o mermou durante un tempo difícil no que sempre acudiu aos ensaios, a ver os espectáculos e a colaborar sen que ninguén llo pedise. Daniel é un exemplo de vida e de esperanza, de loita e de ilusión, de esforzo e dedicación, de traballo, de felicidade e de loita fronte á adversidade; Daniel é un dos bos e xenerosos que nos gardan dende o alén, nesta nova existencia superior á mortal, neste estado no que non se sufre nin padece e sabemos que sempre estará aceso nos nosos peitos, enchéndonos de forza, de ganas, de amor e de tantos sentimentos que sempre nos regalou porque as nosas vidas xa non serán iguais sen el, sen ti Daniel, e tampouco o será o grupo que te chora e te estraña.

Boa partida compañeiro e bo teatro!

Escrito polo Grupo Municipal de Teatro de Ribeira.