Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

No bicentenario de Dostoiesvski

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

Bernardo Codesido

13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 11 de novembro cumpríanse 200 anos do nacemento de Dostoievski, un autor de quen sempre lembro o consello que, como quen sinala unha sentencia inapelable, me deran cando eu aínda era un aprendiz de lector (se é que algunha vez deixei de selo): hai que ler Crime e castigo. E entón lino. Agora tamén eu digo o mesmo, pero meto no carro a practicamente toda a súa obra.

Dostoiesvski naceu con mal pé. Pertencía a unha familia aristocrática, daquelas que eran donas de terras e servos, de maneira que cando vendía unhas parcelas co lote tamén ían os que alí vivisen. Naceu con mal pé porque lle tocou un pai déspota e bruto, a quen o vodka poñía moito peor do que xa era, tanto que os propios servos, dándolle da súa propia menciña, emborrachárono ata morrer. E naceu con mal pé porque sufriu durante toda a vida de epilepsia.

Ía para enxeñeiro, e de feito eses foron os seus estudios, que finalizou con 22 anos para meterse logo no exército, que era a profesión da nobreza, pero por mor de acontecementos algo turbios, para saldar unha débeda, traduciu a obra de Balzac, Eugenia Grandet, con tanta boa sorte para as xeracións lectoras, que a partir dela decidiu abandonar o exército e dedicarse á literatura.