Pago de impostos nos bancos

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro luns remata o prazo para pagar o IBI e algúns outros impostos. Así no lo recordan as cartas de pago do concello ou da Deputación, nas que nos recomendan pagar en período voluntario se non queremos ir a executivo cun recargo do cinco por cento, a máis dunha ameazante recomendación que nos vén dicir: «... en caso de impago, coidadiño cos xuros de mora e custas do procedemento». De xeito que hai que pagar si ou si; pois esas cartas xa non rematan con caralladas coma aquela de «contra este imposto pode presentar reclamación no prazo de 30 días». Total ¿para qué? A non ser que veña o Constitucional a reparalo.

Non digo eu que no haxa que pagar. Incluso me atrevo a dicir que moitos petos repletos de euros non pagan o que deberían. Cos adiantos informáticos de hoxe ¡que fácil sería que os contribuíntes pagasen acordo coas súas posibilidades económicas e non cunha simple matemática a mogollón igual para todos!

Pero non lles quería falar diso. Pois hai algo que me produce máis noxo e que tratarei de explicar. Nos impresos que recibimos para o pago de impostos, dinnos que poderá efectuarse nas oficinas de Abanca, BBVA, Banco Popular/Banco Pastor, Banco Sabadell, Banco Santander e Caixabank (en Cáritas, non. Jajaja). Pois ben, ¿que pasa cos 3.000 veciños de Palmeira, de Escarabote e os de outras moitas parroquias que non dispoñen de oficinas bancarias? Quen saiba facelo poderá pagar nun caixeiro (os de Palmeira, no de Abanca, o único que queda; e os doutras localidades onde lles cadre). Iso si, se chove, os de Palmeira terán que levar alguén que lle agarre do paraugas (o caixeiro está a intemperie), mentres vai pasando e agarrando dos papeis para que non se mollen ou llos leve o vento, ao tempo que retira o xustificante de pago. Ai! Se non sabe facelo, iso é outra, pois chova ou vente, deberá desprazarse onde haxa oficina bancaria e axustarse a uns incribles curtos horarios de certos días. Unha vez alí, terá que agardar unha cola que lle fará, entre idas e voltas, perder toda a mañá. Iso si, os gastos corren pola conta de cada un. Claro que (¡oh yeah!) quen teña a habilidade e os medios para facelo, poderá pagar telematicamente desde a súa casa. ¿Vostede sabe como se fai? ¿Fíase de que non lle hackeen (pirateen) a conta para despois reclamar ao mestre armero?

Pois así lle está o belén. E para máis burla, no papel que recibimos para o pago dos impostos, tamén di: «Poderá pagar nunha conta aberta en algunha das entidades colaboradoras». O qué, diso nada! —dicía unha amiga miña— Metín os cartiños nunha desas entidades colaboradoras e quitábanme sesenta euros... «Es por cuidar de su cuenta... si tuviera más cantidad...», díxome o empregado. E contesteille: «Solten para acá mis cuartos, muchos o pocos, que los cuido yo en mi casiña». Pois si. Se esas son «entidades colaboradoras», haberá que vixiar quen nos malla o lombo.

Eu penso que os gobernos municipais, se de verdade son conscientes dos cabreos e dificultades dos seus veciños, deberían establecer as súas propias oficinas para o pago de taxas e impostos en cada parroquia, e deixarse desas eufemisticamente chamadas entidades colaboradoras.