Deconstruír

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oprincipio do século pódese identificar cunha palabra: construír. Foron tempos nos que parecía que non había límites para construír, vivendas, centros de interpretación, urbanizacións, paseos marítimos... Todo o territorio era susceptible de cementar, de colonizar, de ocupar.

Os últimos ciclóns que se produciron déronnos un aviso que debemos analizar e tomar determinacións ao respecto: non podemos construír todo, non podemos colonizar o territorio. A un alcalde mediterráneo tomárono por tolo cando dixo que pensaba non reconstruír o paseo marítimo destruído por un temporal. E non estaba tan tolo, a súa foi unha reflexión que todos debemos tomar en conta.

Gastar cartos públicos en loitar contra a natureza ten que ser considerado un despilfarro. Gastemos os cartos públicos en racionalizar a nosa estrutura construída, en repensar a nosa traxectoria como humanos, que somos unha pequena gota no mar que é a natureza, que máis tarde ou máis cedo rescatará o que non lle gusta que lle usurpemos.