Xenética e cultura

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

Bernardo Codesido

18 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A xenética é todo un carné de identidade, lémbranolo o refraneiro desde moito antes de que ninguén soubese que son os xenes con aquel de «nas orellas ou nos pés semellarás a quen es». Así, un amigo que acaba de vir do médico por mor dunha especie de verruga que lle saíu en lugar moi visible, contounos todo contento como a preguntas do médico lembrou que xa seu pai tivera outra igual en semellante sitio.

A xenética está tan na boca de todos que ata parece que a listura dun neno acomódase por vía hereditaria segundo as pexorativas expresións «ser como o pai que o fixo» ou «como a nai que o pariu»; e sen embargo, se temos ou non xenes dos neandertais ou se compartimos un noventa e tantos por cento deles coas ratas de sumidoiro, non significa mesmamente que sexamos semellantes aínda que todos teñamos cabeza, tronco e extremidades.

Os humanos evolucionamos mellorando esas marcas de identidade que levamos metidas ata nas células do pelo, pero, tal vez, o factor máis importante na evolución é a propia maneira de ser e actuar, todo iso que non vén de fábrica, senón que se aprende. Os coñecementos adquiridos do entorno e da nosa propia experiencia teñen unha influencia determinante e tal vez moito máis profunda sobre o noso desenrolo. Co descubrimento do lume as dixestións foron menos pesadas e co invento da roda perdemos músculo. Hai anos era norma pensar que o fillo dun carpinteiro herdaba o oficio paterno como se herdan os ollos verdes, pero por mor da evolución, as novas xeracións desmentírono desde o intre en que abandonaron os oficios familiares por outros máis adecuados ás necesidades sociais e vitais que lles toca vivir. Novos oficios e actividades que axudan a unha mellor e máis rápida adaptación ó entorno, cousa que á xenética lle levaría moito máis tempo.

Este mesmo amigo, herdou de seu pai a verruga pero non o oficio; o vello era albanel e el, despois de empezar arquitectura, inclinouse polas matemáticas, porque hai cousas que non se herdan se non é á forza. De feito hai moitos señores de bonete á cabeza convencidos de que fixo máis pola evolución da humanidade a cultura que a xenética, pois mentres esta tarda séculos en conseguir que o corpo se adapte ó medio en que vive, a outra pode cambiar dunha xeración a outra a mesma forma física das persoas. Non hai máis que ver a estatura media dos mozos dos anos corenta do pasado século e a dos máis recentes anos, para entender como contribuíu a mellora dos usos hixiénicos e de alimentación, por exemplo; e por algo máis que o leite en po que nos daban na escola nos anos sesenta.

Sen dúbida, a transferencia da herdanza cultural é moito máis rápida e adaptable, dado que non só se circunscribe ó entorno familiar, senón tamén ó da veciñanza e ás propias experiencias. Aínda así, recoñecendo que a xenética ten unha boa parte de culpa para que uns sexan negros e outros brancos en función da luz solar do seu hábitat, a aprendizaxe de habilidades e a adaptación ó medio permítenos durmir a perna solta nunha cabana de palla nos trópicos ou nuns iglús no polo norte independentemente da cor da pel.