Irreflexión

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Opobo español tropeza tres veces na mesma pedra, e non vai ser esta distinta ás anteriores. A pandemia deixounos milleiros de vítimas e centos de problemas non resoltos. Era o momento para reflexionar sobre cousas que facemos mal e cousas que debemos mellorar.

Igual que sucedeu coa última burbulla inmobiliaria, na que non se repensou a ordenación territorial e o modelo de crecemento, agora tampouco houbo deliberación ningunha, só meras ocorrencias, como a necesidade de construír terrazas ou balcóns para estarmos confinados en espazos exteriores privados de pequena dimensión. Que, por outra parte, en Galicia son garantía de filtracións, polo que no canto de buscar solucións creamos novos problemas.

Como sociedade pouco amiga de grandes reflexións públicas, debería xurdir o debate na clase política, que polo que vemos, enceréllase en debates moi distintos e de pouco percorrido para a maioría. Perderemos unha nova oportunidade de mirar cara a Europa e os seus urbanismos, de buscar fórmulas arquitectónicas e territoriais que melloren a calidade de vida. Quédanos o rural, pero tampouco miran por el, ao contrario, están afundíndoo nun pozo abandonado sen pensar nas grandes oportunidades que herdamos en Galicia.