Construír o pasado

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

02 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste final de agosto tiven a oportunidade de conducir dous roteiros: un polo litoral da Pobra do Caramiñal, dentro da Semana Mariñeira organizada polo Concello. O outro fíxeno polo alto da serra do Barbanza, entre A Pobra do Caramiñal e Boiro. Camiñamos ao redor da ponte da Portela, no marco do festival Paisaxes Sonoras organizado pola mancomunidade Barbanza Arousa.

Aínda que as dúas rutas percorrían lugares moi queridos e coñecidos por min, non é o mesmo ir pola túa conta que pensando en contarllas aos demais. Non podes dar nada por suposto e por suposto non caer no erro de pensar que os outros, sobre todo se non son nativos, ven estas paisaxes igual ca ti, porque non os ven. Non os viviron, non os escoitaron e ninguén lles falou deles na súa infancia ou mocidade.

Ao contar estes espazos decateime de algo que xa sabía, pero que nunca experimentara deste xeito: a forza e o poder das historias que encerran os recunchos do Barbanza. Se ben que o xeito no que se contan as historias é decisivo, a materia prima, como na cociña, é o fundamental. A riquísima herdanza cultural barbancesa permite contar mil relatos distintos que, en gran medida, están aínda sen explorar non só desde o punto de vista turístico, senón sobre todo dos propios veciños. As achegas de numerosos investigadores locais e foráneos debe complementarse con máis indagacións no noso fértil pasado.

Por que? Porque o Barbanza é moito máis que paisaxe. E o seu futuro depende de que levantemos un fértil pasado para el.