Paseo entre Acuncheira e Cures

Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Á tardiña penetras por vez primeira nun camiño que vai dende Acuncheira ata Cures. É bastante empinado, sobre todo no tramo final. Dende un alto da senda, observas no fondo, onde conflúen dúas ladeiras, o río que descende dende a fervenza de Cadarnoxo. Por un estreito leito de cantos, o sonoro caudal discorre entre carballos, castiñeiros, acacias, salgueiros, ameneiros, loureiros, piñeiros, freixos e algúns eucaliptos. E mesmo cerca dunha pontella, atopas un conxunto de hortensias en flor. Sentas na herba na beira do carreiro. Escoitas o son da auga, a súa canción, sempre a mesma música, pero con distinta letra.

Recordas o que non coñeces. E despois soñas. Soñas co descoñecido: un rostro amigo nunha paraxe distorsionada, enigmática. Soñas e escoitas: non din que somos o que soñamos? Lembras: a materia da que parecen estar feitos os soños, non era o que alimentaba a trama daquela mítica película, El halcón maltés, cinta de 1941 que dirixiu John Huston e protagonizaban Humphrey Bogart, Mary Astor e Peter Lorre e Gladys George?

Tamén o Faraón quedou durmido á beira dun río cando tivo o pesadelo das sete vacas lustrosas e fermosas e as sete esmirradas e esbrancuxadas. Na fábula bíblica o soñador era José, o fillo predilecto de Jacob, o que espertou os celos e a envexa de seus irmáns, que o venderon a un mercador que logo o revendeu en Exipto. O que sacou da cadea ao hebreo non foi a ciencia pragmática dos non soñadores, senón a súa boa relación co mundo dos soños. Foi esta a que lle permitiu ler os signos que enviaban os pesadelos ao Faraón, que, como recompensa o arrincou do cárcere e nomeouno primeiro ministro. Un soñador, como lle chamaban seus irmáns, á fronte do estado máis poderoso de Oriente Medio.