Coa cara do revés

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un drama, unha desfeita, un sinvivir constante, o acabose. Así era a nosa vida cando eramos unhas mozas que acababan de empezar a estudar na universidade, iamos de desgusto en desgusto. Ou así é, polo menos, como a contábamos nas cartas que intercambiábamos unhas coas outras. Non, non había WhatsApp, e o saldo que tiñamos nas tarxetas de prepago daqueles primeiros móbiles irrompibles non daba para as conferencias que farían falta para pórmonos ao día das novidades da semana, para compartir as reflexións dunhas rapazas que, incomprensiblemente aos ollos delas mesmas uns anos despois, o vían todo bastante escuro.

Esa maneira de sufrir daquelas cuasiadolescentes que en Santiago, en Pontevedra ou na Coruña daban os primeiros pasos cara a vida adulta, hoxe, ao rescatar esas cartas do baúl no que levaban anos gardadas coma un tesouro, é ata cómica, para chorar coa risa ao volver lelas. E que enganadas estabamos!

Que pouco imaxinábamos o que nos agardaba despois. Moitas alegrías, si, moitísimas, pero tamén algún que outro golpe; algún completamente inesperado, inexplicable, coma unha labazada que sen vela vir che pon a cara do revés. E agora, igual que cando escribiamos aquelas cartas nas que parecía que se nos ía a vida por unha mala nota nun exame ou por non poder saír de festa o sábado porque tocaba estudar, cando golpean a unha, dannos a todas.

E aquí estamos, todas coa cara do revés pola última labazada, pero preparadas para endereitala de novo e para seguir escribíndonos, aínda que, agora si, sexa a través do WhatsApp.