Anuncios

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta habitual que a entrada das cidades estea chea de valados publicitarios, reclamando a atención dos que entran nela, aínda que non encaixen moito na imaxe urbanística que se busca. Nin os regulan os plans urbanísticos nin moita xente repara no asunto, aínda que forman parte da nosa paisaxe. Pagan unha taxa municipal, polo xeral, á parte dos convenios que poidan ter cos donos do predio no que están colocados. Un imposto máis, sen máis Nas estradas están prohibidos, disque porque despistan aos condutores, polo que teñen que estar colocados en solo urbano. Un criterio máis, sen máis.

Outros produtos publicitarios pasan desapercibidos no centro que non están regulados, como as marcas comerciais de bebidas nos toldos e nas terrazas cubertas, ou as lonas que cobren as fachadas dos edificios en rehabilitación. Non pagan taxas nin impostos, pero o seu impacto na nosa mente é efectivo e invitan a consumir.

Outros nin sequera os vemos, pero quedan na nosa mente, como a famosa inserción dunha marca de bebidas no fotograma das películas de cine. Non se chega a ver, pero a mente recibe a mensaxe.

Para rematar, están os anuncios nos vehículos, que se colan nos puntos estratéxicos sen considerarse publicidade. Nos Estados Unidos, ter rotulada unha furgoneta ou camión implica non podelo aparcar na rúa, obrigándose a telo nunha finca privada. Considérano publicidade. En Galicia é común ver vehículos publicitarios que colocan estratexicamente nos lugares de maior tráfico. Un valado publicitario móbil que non paga taxas, un engano encuberto.