Un foco de cultura

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

13 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que os pazos sempre tiveron sona de ser espazos de vida sofisticada, o certo é que os nosos fidalgos eran xente, aínda que nos pareza sorprendente, bastante austera. Un dos meus grandes shocks culturais foi cando visitei en Francia a rexión de Loira. Como as Rías Baixas, o Loira é un lugar fértil nas proximidades dunha cidade importante e, polo tanto, un bo lugar para que os nobres construíran as súas residencias campestres. Pois ben, teño que dicir que a maior parte dos nosos pazos, mesmo os máis suntuosos coma o de Oca, parecían chabolas en comparación co luxo francés. A riqueza tamén ten escalas e mesmo ela é relativa.

No Barbanza, sen embargo, temos un exemplo singular de pazo que chegou a sobresaír bastante por riba da media dos pazos galegos, non tanto na súa arquitectura como no seu interior. O de Goiáns, segundo estudou o historiador José Manuel Vázquez Lijó, viviu unha especie de idade dourada a mediados do século XVIII, con instrumentos musicais, gaiolas de aves exóticas, comidas sofisticadas, decoracións pictóricas e unha biblioteca máis abundante do habitual.

Un foco de cultura e gozo de vivir que chama a atención nun edificio tan austero. Este luns celebrarase no pazo boirense, xa restaurado e propiedade da cidadanía, unha nova edición da Romaría das Letras organizada polo concello, e os amigos de Barbantia levarán o pracer dos libros aos xardíns.

Un bo xeito de celebrar a memoria do pazo. Unha gran maneira de darlle continuidade no presente e no futuro.