Paga a pena

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

08 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as poucas cousas boas que nos trouxo a pandemia do coronavirus está, e non é menor, a descuberta dos roteiros de sendeirismo por parte de moita xente. Os que usamos con frecuencia eses camiños ficabamos pampos ao toparnos con algúns (tampouco esaxeremos) grupiños de persoas nestas rutas. Polas preguntas e por certo xeito de desorientación que se percibe a leguas estaba claro que moitos eran primeirizos. Benvidos sexan eles e todos os que vos queirades incorporar.

O sendeirismo é unha actividade saudable, segura e chea de posibilidades. E vai alén dos trazados homologados. Unha simple ollada á nosa bisbarra no Wikiloc (unha aplicación que permite consultar todo tipo de actividades de deporte ao aire libre) serve para comprobar como o interese por camiñar vai moito alén das rutas oficiais e elabora os seus propios itinerarios: hai quen quere dar cómodos paseos ao carón do mar e quen vai facer o cabra gabeando polos Forcados arriba.

E nesta actividade, como na bicicleta, a navegación ou ir mercar a un centro comercial, existen riscos. Hainos evitables, minimizables, e hai algúns se cadra inevitables. Está en cada un de nós avaliar a situación para reducilos ao mínimo. Pero o risco sempre existe.

A Devesa do Nimo, en Noia -coma outros roteiros do Barbanza- é fermosa, paga a pena percorrela para ver unha paisaxe única. Non deixen de visitala. Iso si, como cando baixan as escaleiras da súa casa, miren ben onde poñer os pés. E, se son primeirizos, teñan o mesmo coidado que a primeira vez que se colle o coche.