Atrancos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana voulles propoñer un traballo de observación e reflexión. Vivan onde vivan, quero que saian a dar unha volta polo seu barrio, pola súa vila, cos ollos abertos e críticos. Vanse atopar con unha chea de atrancos que non deberían existir, de existir o urbanismo.

Pivotes que impiden aparcar, outros que xa esmorecen, ou incluso que son innecesarios. Beirarrúas estreitas ou con obstáculos que as reducen a menos de 80 centímetros, ou con ramplas das que non se advirte e que nalgún caso son verdadeiras montañas rusas. Pasos de peóns que non van a ningures, ou que están onde ninguén os usa. Sinais tortos ou mal colocados, cos que pegas cando vas mirando o móbil. Baldosas mal asentadas que, se chove, móllannos, e se non chove podemos bater co chan ao petar nelas. Muros particulares sen a debida conservación, vertendo terra no espazo público. Ramplas de entradas particulares que invaden o que é de todos. Alcorques sen árbores, árbores tortas. Colectores de lixo, bancos onde non hai vistas, papeleiras rachadas. Postes eléctricos ou telefónicos chantados no medio.

Fagan unha lista e lévenlla ao seu alcalde, e vexan a súa reacción. Son froito da improvisación urbanística, da falta de planificación, de construír antes as casas que as rúas. É España. Unha vez máis, o que din as leis non concorda coa triste realidade, a cotiá de ir sorteando os distintos atrancos, que moitos verán familiares, porque a todo nos afacemos, mesmo á mediocridade.

Non debería ser así, porque os que pagamos impostos, facémolo como europeos.

Que tal unha exposición fotográfica sobre isto?