A vontade

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

sábado pasado fun bater ao monte Tahúme. Cal foi a casualidade de ser a festa do San Bieito de Seráns. Todo estaba disposto: os postos de rosquillas, e mesmo aquel tenderete de xoguetes. Xuraría que a única vez que fun, de cativo, ao San Bieitiño xa se vendían tantas armas como nun zoco de Siria, aínda que estas fundidas en plástico.

Velaí estaban todos os veciños, con esa capacidade de organización xermánica que temos os galegos cando se trata de levar adiante a festa do patrón local. O que regulaba o aparcadoiro e a circulación dos visitantes, as que vendían as estampiñas do San Bieito, as que preparaban todo para a misa.

Dentro da capela algunhas beatas murmuraban unha pregaria que non din entendido. San Bieitiño seguro que si o facía: é o santo máis avogoso e cumpridor do Barbanza -descúlpeme o San Ramón e outros membros en nómina-. Meu avó contábame de que de pequeno camiñou ofrecido desde a Pobra cun ovo en cada man. Non aturou.

Á altura de Oleiros tentou acertarlle a unha pega bulrona cos ovos, e aínda así o santo curoulle as verrugas. Avogoso, cumpridor e paciente: impórtalle máis a intención que a atención. Estaban os veciños, pero faltaba os romeiros, que chegaban a pingas, saudaban ao santo e marchaban.

Seguro que os veciños agardaban tan pouca xente como a que foi. Pero non deixaron de organizar todo como se foran vir sete parroquias enteiras. Por iso as tradicións sobreviven a guerras e pandemias. Porque a vontade das persoas é superior ás circunstancias. Boa lección.