A doenza do poder

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

Bernardo Codesido

06 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía alguén que todo mal se cura co seu antialgo. No verán imos á praia a refrescarnos e no inverno non saímos do lado da estufa, o malo é que moitas veces non é doado atopar a fórmula que aporte ese necesario equilibrio físico ou emocional que o benestar demanda.

Todo isto vén a conto por mor da moción de censura que un grupo de veciños lle quere poñer ó presidente da comunidade, quen se atou ó cargo e, coma tantos outros en asociacións, clubs e ata presidencias de goberno, non se apean do poleiro porque, segundo eles, non hai reposto adecuado para substituílos.

Di Xulio que o home padece o mal dos mandóns, que neste caso maniféstase nesa prepotencia que lle leva a pensar que sen el derrubaríase o edificio, amosando unha arrogancia e narcisismo comicamente aldraxante para o resto dos propietarios cando usa o plural maxestático para citar os males e o pronome persoal de primeira persoa de singular para os logros. É como se os demais non contásemos. Alguén apuntou na última reunión que había que buscar unha fórmula de expresión pola que se note que a súa voz é a dos acordos tomados en asemblea e por maioría. Pero o home, achacoso da doenza do poder, non está afeito. Séntese o único que pode levar con man firme o temón e teme ser relegado a simple comparsa, sen poder controlar ós críticos coa súa xestión, polo que trata de convencer a todos da incongruencia de censuralo, e para gañar adeptos que non o saquen do pedestal, reparten bicos e abrazos, felicitacións polo Nadal ou invitacións a pagar a escote, xa sexa cunha lacoada en febreiro ou unha sardiñada en xuño.