O máis valioso

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

04 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a apertura das comportas municipais a fin de semana pasada e as praias da nosa comarca enchéronse de composteláns ávidos de respirar un pouco de salitre e, se lles deixaban, comer un peixiño á grella e unhas ameixas cabo do mar. O meu WhatsApp fervía, primeiro coa demanda de referencias de restauración na comarca e logo coa frustración de quen non daba conseguido unha reserva e pedía outras alternativas. Os amigos puxéronme ao límite dos meus coñecementos de mínimos hostaleiros recomendables. Imaxínome as ondas telefónicas que nos atravesaban o sábado cheas de picheleiros rebotando de restaurante en restaurante na procura dunhas mesas que, por riba, eran máis escasas do habitual debido ás restricións.

Non sei canta xente aproveitou a fin de semana para ir visitar, por exemplo, Taboada ou O Irixo, concellos cos que compartimos o nivel de restrición media, pero sospeito que se cadra algunha menos que o noso litoral. E non deixa de ser paradoxal que, como lles comentaba o outro día noutra columna, cando queremos ter a sensación de que nos movemos nun mundo sen límites e que somos libres, ímonos cara esa fronteira líquida e dificilmente franqueable cos nosos medios propios que é o mar. O cal demostra que a liberdade, sobre todo, é un exercicio de imaxinación.

Son nestes momentos nos que nos decatamos de que o mar é o principal activo da nosa comarca, non soamente pola pesca, senón porque concede ese servizo de luxo que consiste en darnos benestar a cambio de nada. Por iso creo que se merece que o coidemos un pouco máis e o pensemos mellor.