O muradán que lle puxo voz a Burton, Wayne e JR

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Santiago Fernández camiñou sempre entre os escenarios e as aulas, fundando a primeira escola de teatro galega, Casahamlet

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao escoitar a súa intensa, potente e sonora voz non é difícil adiviñar que na traxectoria profesional de Santiago Fernández (Muros, 1947) a glote xoga un papel fundamental; o contrario sería un gran desperdicio. Oíndoo é doado imaxinarse que detrás desas palabras hai un galán de cine. E, neste caso, a aparencia correspóndese coa realidade e incluso a supera. O barbancés non só é un afamado actor que pisou infinidade de escenarios e se situou detrás das cámaras en incontables ocasións, senón que tamén lle puxo voz, para dobraxes ao galego e ao castelán, a míticos como Richard Burton, John Wyne, JR, Robert Mitchum e Burt Lancaster.

A nivel profesional, Santiago Fernández viviu sempre, e segue facéndoo, entre o mundo da interpretación e o do ensino. Foi estando na USC, estudando Maxisterio, cando se cruzou co teatro a través do grupo Tespis, e xa non foi quen de afastarse das táboas. Aínda así, compaxinou a formación que lle permitiu exercer ata a xubilación como mestre en diversos colexios públicos, coa aprendizaxe das técnicas da arte dramática. Esa dobre profesión impediulle dar o gran salto como actor, a pesar de que tivo máis dunha ocasión: «Tiven moitas ofertas para ir traballar a Madrid hai 25 ou 30 anos, cando era o epicentro do sector, pero rexeiteinas. Nunca me interesou esa posibilidade, nin artística, nin social, nin familiarmente».

Morriña dos comezos

En Galicia, sen embargo, sumouse a todo o que lle permitiu a súa axenda. Mareas vivas, Rías Baixas, Galicia exprés, As leis de Celavella, O lapis do carpinteiro... Sen desligarse nunca do teatro, o seu xénero preferido: «Un actor ten que ser completo e moverse en todos os eidos. A min gústame máis o teatro, porque é un xénero máis vivo, onde ti es o creador, mentres que no cine é o director o que marca as directrices, pero tamén ten o seu aquel, pois a cámara é moi selectiva».

Cando fala con verdadeira paixón do teatro refírese, fundamentalmente, ao dos anos 70, 80 e 90: «Daquela estabamos inventando o oficio en Galicia, foi unha época de moita ilusión e creatividade. As compañías eramos como unha gran familia que cada fin de semana percorría Galicia. Agora os grupos son de dous ou tres actores, porque non se poden pagar os salarios. Os monólogos son un invento da crise».

El que viviu aquel momento de esplendor, amósase agora convencido de que o eido artístico está enfermo de gravidade, por un mal que arrastra desde moito antes da irrupción do coronavirus: «É terrible depender das subvencións e iso é o que está ocorrendo agora. Móntase unha obra para pedir unha axuda». Tamén bota en falla a aprendizaxe que debe ser a antesala de calquera profesión: «A arte é un mundo onde entran todos, onde con 16 anos xa se quere ser actor, músico ou pintor. A formación, o traballo e o sacrificio constitúen un longo camiño que, neste oficio, moi poucos están dispostos a percorrer».

Creando canteira

Por iso, porque sempre foi consciente da necesidade de que os actores se formasen, Santiago Fernández fundou a finais dos anos 90, xunto con Manuel Lourenzo, Casahamlet, a primeira escola de teatro de Galicia: «Daquela reclamábamos o Centro Dramático Galego para A Coruña. Como non había nada a nivel formativo, ocorréusenos montar o estudo». Desde alí segue a día de hoxe transmitíndolle aos aspirantes a actores os seus coñecementos nos eidos da interpretación, da dobraxe ou da oratoria. Recoñece que é un orgullo ver aos seus alumnos convertidos en grandes profesionais. Véñenlle á cabeza nomes como David Perdomo, Victoria Teijeiro, Paulo Serantes...

Desde Casahamlet, o muradán segue conectado coas táboas. Está de feito a preparar un espectáculo con textos de Xela Arias, distinguida este ano co Día das Letras Galegas, con vistas a estrealo en maio. Aínda que mantén a ilusión e as gañas, recoñece que o futuro se presenta incerto, sobre todo tralo envite do covid: «Vai ser moi complicado saír desta crise, porque o sector do teatro é moi fráxil, é un oficio no que ou morres de sono ou de fame». El tivo a sorte de non depender en exclusiva dunha profesión que o mantén en activo: «Facer teatro porque queres é unha delicia».

Outras facetas. Ademais de actor, dobrador e mestre, participou como narrador en concertos didácticos e libros sonoros, e ten publicados traballos educativos e ensaios.

Premios. No 2010 recibiu o Otero Pedrayo e no 2014 o dos Bos e Xenerosos da AELG. Os dous, polo labor de Casahamlet.