Ofertas eivadas

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

Bernardo Codesido

20 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na feira dunha vila de cuxo nome non vou esquecerme, procuraba en certa ocasión os produtos máis naturais posibles para preparar un cocido de entroido, cos ollos nun posto e o oído no do lado, cando escoitei como un feirante lle contaba a alguén dunha colleita de grelos esaxeradamente abundante que non daría vendido e tería que tirala ó lixo. Aconselloulle o outro que lla dese ós animais e aforraría penso, pero a tal proposta escandalizou o froiteiro, pois como lle ía dar ós animais aquela verdura que estaba chea de químicos. «Os animais son para o consumo da casa», rematou.

Non me imaxino a un representante de aspirinas recomendarlle a un farmacéutico que venda mellor bolsiñas de tila ou follas de tabaco, que era o remedio que as cigarreiras coruñesas usaban, atándoas á fronte, para calmar a dor de cabeza, como nos lembra a Pardo Bazán en La tribuna.

Hai anos criticábase a un ministro de educación (cuxo nome non quero lembrar) por recortar o presuposto da escola pública e mandar ós seus fillos á privada. Evidentemente, ese señor debería ser destituído de inmediato por hipócrita, por ofrecerlle ó pobo o que lle negaba ós seus propios fillos. Tan pouco ético é iso como saltarse a quenda de vacinación, nesta sociedade onde é tan manifesto o complexo de inferioridade que nos abrangue, do rei abaixo, a todos, sen distinción de clase ou categoría, onde quen non se cola é un paspán, xa sexa facendo uso do status como por medio da pillaría, xa sexa diante do despacho de billetes do cine como na cola do supermercado, esa manía tan estendida de non querer ser menos ca ninguén, de amosar do modo que sexa que se está por encima do resto.

Tamén tiña o amigo Xulio por costume mercarlle as patacas a un produtor local con tenda de comestibles. Pero un día, mentres esperaba para ser atendido, escoitou como aquel lle confesaba a unha cliente que na súa casa consumían unhas colleitadas e embaladas noutras terras, a un prezo moito máis barato e ó parecer de mellor calidade. Xulio sentiuse traizoado, deu media volta e marchou acordándose do meu feirante. Quen se fía de algo do que nin se fía quen o ofrece? O malo é cando non podes dar media volta. Se o mesmo produtor non consume o seu propio produto, que pode esperar?

Xulio queixábase da falta de compromiso co que en teoría debemos defender e mellorar, e non se imaxina que el, mestre nun centro público, matriculase ós seus fillos na privada. Que clase de mensaxe se manda con esa aparentemente insignificante actitude, con esa mostra de liberdade para escoller a escola dos seus se el mesmo está dicindo que non se fía?

Mal se o fai un ensinante e mal se o fai un representante público. Eses son os actos que eivan democracia, ó portarse como o freire aquel do coñecido consello: «Fai o que eu che digo pero non o que eu fago». E se nos din que a escola pública é a máis igualitaria e democrática, ou que os seus profesionais son do máis competente porque, para empezar, han de superar (suponse) un duro proceso de selección que (na maioría dos casos) non ten a privada, non creo que mandar ós cativos dun mandatario a un centro de fóra sexa un bo exemplo para ninguén, nin sequera para o propio fillo.