Fran Sieira: «Desta dura crise sairán os máis fortes e eu quero estar aí loitando»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

rocio cibes

Dedica o apagón cultural a preparar un espectáculo inspirado nas enfermidades mentais

18 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou para poñer a vida de todos cos pés para arriba, pero a nivel profesional, o coronavirus afectoulle especialmente a determinados sectores que se viron practicamente bloqueados. O artístico é un deles. Límites de aforo, suspensión de actividades e peches temporais de teatros e auditorios levaron a este colectivo a unha parálise en moitos casos total. A Fran Sieira, a pandemia colleuno na recta final da xira do primeiro espectáculo da súa compañía, fundada hai tres anos. Tivo que baixar antes do previsto o pano de Entresoños, unha montaxe que narra a historia dunha persoa que, coma el, soñaba con dedicarse á danza, pero non se atrevía a dar o paso. Lonxe de renderse, o bailarín de Ribeira decidiu que era o momento perfecto para traballar nun novo espectáculo.

Aproveitou o confinamento para madurar unha idea que facía tempo que bulía na súa cabeza e agora atópase mergullado no proceso de residencia artística cos bailaríns que o acompañarán enriba das táboas. A montaxe é unha homenaxe ao seu avó, no que atopou a inspiración: «Sufriu unha demencia senil e chegou un punto no que se desprazaba dando un pasiño que me lembraba ao paso tradicional da muiñeira vella, no que as mulleres acompañaban aos homes cun movemento moi a modiño».

Afán de normalizar

Mesturou os pasiños do avó co interese polas enfermidades mentais que espertou nel un primo da súa idade que, por mor dun accidente de tráfico, acabou sufrindo esquizofrenia: «Interesoume sobre todo esa parte do estigma que segue habendo á hora de confesar este tipo de doenzas». Para coñecer mellor estes problemas, Fran Sieira falou durante o confinamento con psicólogos, psiquiatras, una enfermeira do hospital de Conxo e membros da asociación A Creba. Agora busca, co segundo espectáculo da compañía que leva o seu nome, achegar un grao de area para normalizar estas enfermidades e poñer de manifesto que son moitas as persoas que teñen pequenos trastornos ou manías que lles condicionan a vida.

«A danza é a parte marxinal das artes escénicas, como as doenzas mentais son a parte marxinal da sanidade», explica o bailarín. Engade que, co seu espectáculo, non busca ofrecer unha visión triste desta problemática, senón reivindicar a integración destes enfermos na sociedade.

Con esta segunda montaxe, a compañía do ribeirense medra, pasando de tres a oito integrantes. Aposta así por unha formación máis competitiva de cara aos difíciles tempos que están por chegar: «Creo que hai que ir a por todas. Desta dura crise sairán os máis fortes e eu quero estar aí loitando. A paixón pola danza é o que nos pode».

Foi esa paixón a que no 2017, despois de ser reclamado por Nova Galega de Danza, Fran Sieira decidiu cambiar a súa profesión, no eido administrativo, para dedicarse por completo ao baile e non está disposto agora a renderse facilmente. Ten a vista posta no xacobeo: «Vai supoñer o gran auxe da cultura en Galicia e eu quero estar aí».

Coas Tanxugueiras

Mentres prepara a estrea dese novo espectáculo, que xa ten pechadas datas en Cangas, o 29 de abril, e en Vilagarcía, o 30, o barbancés colabora con outros artistas. É posible velo no vídeo do novo tema que veñen de lanzar as Tanxugueiras, Midas, que está causando furor. «Está moi ben que tiremos uns polos outros, que non todo sexa competitividade neste sector», apunta o bailarín. Dáse a circunstancia de que unha das integrantes desta agrupación que bebe da música tradicional forma parte tamén da compañía de Sieira: a aguiñense Aida Tarrío.

Ocorre o mesmo con Chico Feijoo, integrante tamén da compañía do bailarín ribeirense, ao que recorreu para o vídeo do primeiro tema do seu novo disco.

Fronte ás adversidades derivadas da pandemia, Fran Sieira apostou por seguir loitando, convencido de que tarde ou cedo chegarán tempos mellores. Agora só cabe esperar que o esforzo se vexa compensado o máis axiña posible.