Pedras na costa

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

16 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

lei de Costas chegou a Galicia no momento perfecto (1988) impedindo a súa marbellización, antes da gula inmobiliaria que deixou tantos cadaleitos e antes de que o noso país estivera tan conectado co resto da península, pero ignorou a nosa idiosincrasia territorial e patrimonial, porque aplicaron a mesma rapadoira para todo o estado.

A súa ríxida e estrita aplicación bloqueou e paralizou moitas das actividades tradicionais que sempre se desenvolveron na nosa costa, e a administración actuou -e segue actuando- como un férreo muro de formigón, imposible de adestrar.

Salgadoiros, casetos de pescadores, cetarias, conserveiras, secadoiros, baleeiras, castelos ou mosteiros quedaron no limbo da legalidade, con independencia da súa existencia centenaria, baixo a lupa dun corpo de funcionarios intransixente, baixo o peso xudicial da condena.

O que antes era un lugar de frenética actividade pasou a un estado de romanticismo, para trinta anos despois transformarse en ruínas, que a vexetación e o mar van comendo pouco a pouco. Un riquísimo patrimonio histórico a piques de desaparecer por culpa dunha raia, inflexible e sen reflexión, trazada nos planos sen ter en conta as preexistencias.

É momento de reflexión: ou deixamos que se arruínen para sempre ou lles permitimos unha segunda vida, talvez cambiando a súa función, pero mantendo a súa integridade arquitectónica. É necesario facerlles comprender en Madrid que Galicia ten unha identidade propia, distinta do Mediterráneo, e unha vez máis, o noso urbanismo necesita un trato diferencial para ser xusto coa nosa historia e memoria.