Valor de mercado

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

09 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovalor de mercado é o importe neto que razoablemente podería agardar un vendedor pola venda dun produto na data actual, mediante unha comercialización acaída e supoñendo que existe un potencial comprador correctamente informado das súas características, e que ámbolos dous -comprador e vendedor- actúan libremente e sen un interese particular na operación. Esta longa definición é a idea que ten Facenda do valor de mercado, e aínda que pareza un parágrafo complexo ou confuso, é máis claro que a auga. Non é o mesmo que o prezo de mercado ou valor real.

Sorprende a estranxeiros, e tamén aos de aquí, que cando se trata de bens inmobles, o valor pode ser múltiple: o real, o de mercado, o catastral, o rexistral e ás veces, algún outro máis. Forma parte do noso idiosincrático carácter latino, propio dun mercado mergullado, oculto, opaco.

Na era dixital na que andamos, estou convencido de que se conectaran todas as bases de datos e á vez baixaran drasticamente a fiscalidade inmobiliaria, todo sería máis doado e mesmo recadarían máis impostos, garantindo a transparencia e a seguridade xurídica. Non hai nin oito meses, e en pleno século XXI, cheguei a ver para o mesmo inmoble oito valores distintos, o que causa desconcerto e atrasa todos os trámites.

Con todo, as administracións son moi lentas para asimilar os cambios que xorden no valor dos inmobles, que tamén dependen da oferta e demanda, desemprego, confianza... Non se vai aplicar por moita dixitalización que haxa, e medraría a burocracia porque somos latinos e está no noso ADN.