Plan B

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

28 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das leccións que teño aprendido tras moitísimos anos de traballo moi intenso é que nunca debemos deixar que o traballo nos domine e colapse o ritmo da nosa vida. Temos que evitar por todos os medios pasarnos unha semana durmindo tres horas diarias, ou comendo a deshora e só cunha man mentres a outra teclea, ou esquecéndonos do resto da nosa vida familiar e social, ou deixando de facer exercicio.

É xusto nos momentos de máis estrés cando necesitamos ter a sensación de que a vida continúa organizada. Horarios, rutinas, tempo, espazo persoal. Non pensen que falo como un destes psicólogos de suplemento de fin de semana. Son ben consciente de que en casos extraordinarios non é posible e hai que apandar.

Pero iso só é o último recurso. Os meus coñecidos do mundo das artes escénicas viron de novo esta semana como se viña abaixo todo o seu traballo ante as novas restricións da pandemia, cancelados por concellos e outras entidades. Están nunha situación gravísima. Pero ademais, se algo aprendemos nestes meses é que hai que loitar por que a vida continúe.

Non podemos pechar todos os espazos de convivencia sen agardar consecuencias. Xa dispoñemos de experiencia e tecnoloxía para asumir que hai plans B, e que en moitos casos non é difícil ou caro executalos. Hai que ter vontade, e asumir que os servizos culturais públicos poden ser subministrados de moitas maneiras distintas. E os plans B xa están sobre a mesa se queremos activalos. A vida debe continuar, polo ben de todos.