A xoia artística que reloce desde Ribeira: o Museo do Gravado de Artes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Atesoura máis de 45.000 estampas, ten unha biblioteca con 8.000 volumes, imparte obradoiros de gravado e convoca un certame dotado con 14.500 euros

03 feb 2021 . Actualizado a las 14:53 h.

Cando abriu as súas portas, alá polo 2001, o Museo do Gravado de Artes xa se erixía como un referente a nivel estatal, pero a súa importancia foi medrando co paso do tempo. As 16.000 estampas que atesouraba nos seus fondos convertéronse nas máis de 45.000 que se gardan hoxe nun almacén acondicionado para darlle acubillo a estas valiosas xoias. E a oferta do centro, situado nunha parroquia rural do municipio de Ribeira, foise diversificando, mediante a posta en marcha dun obradoiro de gravado e a apertura dunha biblioteca que xa conta con máis de oito mil volumes. O mellor de todo é que se trata dun proxecto vivo.

Aínda ao longo do complicado 2019, a alma máter deste museo, Javier Expósito, enviou ducias de libros e estampas adquiridas para seguir incrementando o prestixio dunha colección única, cuxo valor é imposible de calcular. Foi el o que, despois de descubrir unha importante colección privada nunha vella libraría de París, quixo regalarlle a Ribeira un centro artístico á altura das grandes cidades. Clásicos como Rembrandt, Piranese, Van Dyck e Rubens conviven nestas instalacións con expoñentes das correntes innovadoras dos séculos XIX e XX da talla de Goya, Picasso, Dalí, Seoane, Saura ou Guayasamín. E para redondear a oferta, os creadores máis noveis como Manuel Ayaso, Alfonso Costa, Laxeiro e Yolanda Carbajales.

Boa parte destes fondos permanecen gardados desde o seu desembarco na parroquia de Artes. Outros foron exhibidos no propio museo, que conta con tres salas de exposicións, ou formaron parte de coleccións que viaxaron ás principais galerías de Galicia, de España e mesmo de cidades como Nova York, Tokio ou Londres.

Goteo incesante de fondos

Nos últimos tempos, os esforzos de Javier Expósito están orientados a nutrir de fondos a biblioteca que se puxo a disposición de investigadores e artistas hai un par de anos. Conta cuns tres mil libros modernos e cinco mil antigos que constitúen a súa principal riqueza. Entre os seus tesouros están unha Historia de imágenes evangélicas de Hieronymo Natali, datada no ano 1447, e diversas reproducións de grandes obras como a Biblia, El decamerón, Las fábulas, La metamorfosis e El Quijote. Desta última obra hai unha importante colección de exemplares ilustrados por gravadores de diferentes épocas, que van desde libros que chegan ao metro de altura ata versións para as que é preciso o emprego dunha lupa.

Ao longo dos últimos meses seguiron chegando libros ao Museo do Gravado de Artes que, antes de pasar aos andeis da biblioteca, foron catalogados polo director do centro, Xoán Pastor Rodríguez: «As novas incorporacións pertencen sobre todo ao século XIX. Hai por exemplo unha colección con litografías orixinais de Joan Miró». Tamén se recibiron obras de Cervantes, Manuel Murguía, Camilo José Cela, Zorrilla, Rafael Alberti, Lope de Vega, Bécquer, Shakespeare... A lista case non ten fin. Todos teñen en común o feito de seren exemplares ilustrados, na meirande parte dos casos, por outros artistas.

Aínda que o museo está agora xestionado por unha fundación que preside o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, Javier Expósito segue a ser a súa columna vertebral. El non se conformaba con amosar arte, con ofrecerlle aos barbanceses a posibilidade de acceder ás obras dos creadores máis importantes do mundo, quería crear canteira, espallar a técnica do gravado. Instalou un tórculo nun edificio próximo ao museo, unha antiga casa reitoral, e puxo en marcha unha escola de gravadores que organiza obradoiros de xeito periódico. Os últimos foron dirixidos polo prestixioso catedrático de Salamanca José Fuentes.

O imperio artístico montado en Artes redondéase co Premio Atlante, un certame de gravado do que está en marcha a décimo segunda edición, dotada con nada menos que 14.500 euros. É un concurso que atrae artistas de todo o mundo e que, nesta ocasión, terán ata o 31 de maio para facer chegar as súas obras ao museo ribeirense.

Todas esta iniciativas e as que aínda están por desenvolver veñen dadas por ese empeño que ten Javier Expósito en difundir unha das técnicas artísticas con menos proxección, a do gravado. Hai xa tempo que soña con abrir un segundo museo preto do xa existente.