Regateo

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

09 ene 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

Cóntame un amigo que en certa ocasión, cando facíamos aquelas viaxes prepandémicas polo estranxeiro, nun país africano perdeu media mañá releando nun mercado por unha figuriña igual á que outro compañeiro de excursión conseguira o día antes por 20 euros. Ó final el pagou 21, pero díxolle a todos que a sacara por 19. Porque unha cousa é ben certa, se non mercamos máis barato co compañeiro non somos bos negociantes. Unha das mentiras máis comúns é o prezo dunha propiedade pagada ou vendida, sempre mercamos por pouco e vendemos por moito. Corolario: sempre somos máis pillos que os demais.

Nisto hei de lembrar unha ocasión en Estambul, onde os vendedores de rúa nos asediaban con roupas, a todas luces falsificacións de coñecidas marcas, que quen máis ou quen menos, coa desculpa de que lles servían para sachar as patacas ou para podar as froiteiras, despois de arduo regateo encheron as maletas. De toda aquela barateza. Ó cabo dun mes, quen aínda podía aproveitar algunha desas prendas, a que non perdera a cor, ou quedara para uso dun cativo de tres anos ou para un veciño con exceso de peso e dimensións. Cos cartos daquel desgasto mercabamos en calquera tenda local para anos de uso e desfrute todo o que alí se volveu trapo en poucos días. Isto lémbrame aquel dito dos tempos de meus avós: «Teño un martelo co mango de ferro, cinco reas me custou, seis me dan por el sete eu quero, quen me dea dez leva o martelo».

A arte do regateo é tan vella como o primeiro mercadeo que se fixo, porque nunca un vendedor e un comprador se poñerán de acordo de boa maneira. Sen releo cada un ó seu xeito sentirase enganado, este pensará que aquel o está timando e estoutro tamén.