Bicos e abrazos

BARBANZA

05 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Será porque con tanta precaución e medo ós contactos estamos tan arredados os uns dos outros que o tema de conversa é o abrazo prohibido. E coma sempre, todo aquilo que está contraindicado será sempre o máis desexado e a culpa levaraa o demo do inferno, acamelándonos con todo aquilo que botamos en falta, e tamén por iso se inventou o confesionario, non sei se para perdoarnos ou para espiarnos.

De tal xeito que, por obra e graza do diaño, se tes o colesterol alto só desexas un bo cocido e se o azucre está polas nubes os ollos quedan no mil follas de merengue da pastelería da esquina. E algo semellante debe pasar estes días de abrazos limitados e saúdos fugaces, coa esperanza de erradicar o virus e que poidamos cear todos en familia polo Nadal.

Os meus amigos, con grande esforzo e moita boa fe, decidiron limitar os encontros que viñamos mantendo, pero algo se nota no ambiente, pois nas chamadas e encontros virtuais que facemos hai un exceso de palabras cariñosas convertendo este confinamento preventivo en todo un desexo de liberdade, de romper barreiras e saír á rúa bicando e abrazando a todo quisque. E iso tamén é o que se escoita paseando no límite do confinamento onde non nos importa comunicar os nosos anceios sen portar por quen escoita, agora que están abolidas as cabinas telefónicas.

Empecei a notalo co barbeiro, cando me contou, mentres me poñía guapo, todo o seu currículo amoroso, non sei se por morriña ou soidade, repetindo a cada intre a sorte que tivo coa muller que levou ó altar e ela o seguiu mansamente (obediente e submisa), nada comparable con aquelas lerchas que lle chuchaban a vida en noivados máis ou menos accidentados.

Entendino con máis claridade despois de dar un deses paseos matutinos de sábado ocioso, cando algunhas palabras entre os transeúntes me asaltaron por sorpresa, xa fose quen co telemóbil na orella proclamaba os moitos desexos que tiña de ver e bicar a non sei quen ou aquel outro que mandaba as apertas máis efusivas para a esposa de quen estaba ó outro lado do aparello. Estas conversas facíanme reflexionar no sós que estaríamos se non fose pola telefonía, ou como uns botan en falta o prohibido e outros romper coa rutina. Supoño que coincidían no asunto por ser fin de semana sen resaca de venres noite nin reunión na hora do vermú.

A verdade é que nestes días de encontros limitados non é doado atopar eses outros aloumiños extra. Pero o que máis me sorprendeu foron dúas mozas no límite dos corenta confesándose os seus gustos particulares, e non sei se porque me viu (acabado de saír da barbaría) ou polo que, unha delas, case sen vir a conto, expresou o seu gusto polos homes maduros «que non estou para andar a cambiarlle os cueiros a ninguén»”, ó que a outra replicaba que prefería ós noviños porque necesitaba o seu aporte de «coláxeno».

Cheguei á casa con intención de descubrir para que podía necesitar a rapaza aquela o coláxeno que lle puidese dar un mozo e non un vello, e entón souben, pola Wikipedia, que o tal mellora as articulacións, o sistema cardiovascular, o aporte de vitamina C e non sei cantas cousas máis... en fin que un bo amante é unha fonte de saúde e esta reclusión pandémica estánola quitando.