Dirección da opinión

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

NACHO BLANCO

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicíao nunha entrevista o cineasta palestino Elia Suleiman, que calquera occidental pode opinar e incluso impoñer a súa idea sobre Oriente, pero ningunha opinión dun oriental é tida en conta polos occidentais. Sempre nos parecerá pouco idóneo todo aquilo que dende eses países nos digan, xa sexa como debemos actuar, facer ou portarnos. É como se a opinión e os consellos só puidesen camiñar no sentido da rotación da terra, e nós, os que chegamos máis tarde ó ocaso, pero tamén ó amencer (segundo ditan os fusos horarios) sentímonos na posesión de todas as claves e da sabedoría necesaria para interpretar os conflitos que lles afectan, sen aceptar nunca que eles decidan as súas normas.

Somos como eses profesores que se negan a escoitar a opinión dos alumnos ou os pais de mando e ordeno que non se molestan en entender as necesidades dos seus fillos. Somos como eses capataces que din contar coa opinión dos subordinados, pero sempre han de ter algún motivo para demostrarlles que están equivocados e mellor será seguir co de sempre aínda que o de sempre non leva a esa ansiada paz. E cando o noso consello fracasa, a culpa irremediablemente será deles, porque non saben, non queren ou non entenden. Hai unha especie de vías polas que flúen as ordes de xeito unidireccional: de arriba cara abaixo e de Occidente a Oriente, a pesar de que vivimos sobre unha superficie esférica onde non deberían estar marcadas esas rectas máis propias das teorías terraplanistas.

Elia Suleiman sabe ben que os palestinos escoitan e reciben palmadiñas de ánimo cando acatan, pero nada cambia con respecto á súa situación. En poucos metros de distancia conviven a miseria absoluta e fortunas envexables, as ruínas e os edificios intelixentes, o deserto e o verxel, o apoio internacional e a máis absoluta indiferenza.

E con isto non dicimos nada novo, a orde sempre foi do rico ó pobre sinalado co furabolos, aínda que aquel sexa un pailaroco e este un doutorando. Que lle vai ensinar o mendigo que senta á porta dun banco ó banqueiro? Nós mesmos apreciamos máis todo aquilo que vén de máis aló dos Pirineos e rexeitamos o chegado de máis abaixo do Estreito de Xibraltar. E falo de persoas.

Elia Suleiman é o autor, entre outras, da película E de súpeto o paraíso que se estreou a principios deste ano. Unha película onde parece retratarse el mesmo, emigrando ó primeiro mundo na procura da ansiada paz que non atopa entre os seus, onde ata os mozos que, sen coller as armas, só por negarse á reclusión, se converten en seres temidos para os opresores autócratas. Neste filme, en clave de humor podemos ver os avatares dese palestino que fuxe dunha patria secuestrada, pero aló por onde vaia vai encontrar algo que lla recorda; vai ver policías que o miran con desconfianza, controis por ser el quen é e por vir de onde vén, co que ese mundo novo que pensaba acadar non será máis ca unha continuidade da súa Palestina natal. El quere descargar o lastre de pertencer a unha patria violada, pero en todas partes haberá sempre ollos que o miren e lembren a súa pertenza a un pobo colonizado e incapaz de redimirse, e polo tanto condenado, para poder vivir, a escoitar mudo e sen opinión, acatando en silencio, o veredicto de Occidente.

Non vos lembra isto algo da odisea de tantos emigrantes?