Álex O Jallejo: O rei do rap improvisado en galego

O boirense gañou o certame CeibaRimas, no que participaron artistas de toda Galicia


ribeira / la voz

O rap está de moda, pero no marco dese estilo musical dominado polas rimas, a rítmica e unha xerga apoteótica, o que manda é o freestyle. A dificultade, pero tamén o atractivo, desta vertente radica na improvisación. Barbanza conta, neste eido, co seu rei particular. Trátase de Álex Hermo Saborido (Boiro. 2000), que vén de alzarse como gañador do CeibaRimas, un certame a nivel Galicia que se levou a cabo a través de Internet co fin de promover o emprego da lingua nai na disciplina musical que máis forte está pegando entre a mocidade.

Álex O Jallejo, como se da a coñecer este mozo de Boiro no eido artístico, tiña participado anteriormente nas batallas que, antes da chegada do covid, eran frecuentes na comarca e mesmo viaxara máis alá das fronteiras de Barbanza na procura de contrincantes. Nestas loitas musicais, o que conta é ter soltura á hora de formar rimas: «Todo depende do tipo de batalla que sexa, pois nunhas van soltando palabras cada dez segundos que hai que empregar, noutras hai unha temática determinada e outras son de improvisación libre, que son as que a min máis me gustan».

Aínda que só ten 20 anos, Álex Hermo leva media vida rapeando. Cando aínda cursaba os estudos de Primaria enganchouse a este estilo musical como espectador e non tardou en empezar a escribir e practicar. Logo chegaría a improvisación, sen dúbida a vertente máis complicada do rap: «Conta a velocidade, pero tamén hai que ser o máis natural posible, achegarse á forma de falar habitual». Aínda que a linguaxe atrevida é unha das claves do freestyle, o boirense recoñece que se corta bastante: «Se me sae algún taco pois sigo, pero sempre tento non abusar dese recurso. Trato de empregar as palabras dunha conversa habitual».

Como en tantas outras actividades, tamén nesta, a experiencia é un grao: «Pode parecer complicado e o certo é que ao principio si que o é, pero co tempo e practicando, vaise mellorando». Para acceder á fase final do CeibaRimas, O Jallejo tivo que convencer aos usuarios de Instagram, que foron os que lle deron os votos precisos para medirse cos mellores rapeiros de Galicia. Logo un xurado encargouse do veredicto final.

Sen metas a superar

Aínda que Álex Hermo se animou a participar neste certame por diversión, a mesma que o empurraba a sumarse ás batallas presenciais antes da irrupción do coronavirus, non lle importaría seguir abríndose camiño no mundo do rap improvisado e incluso participar nunha desas competicións que na Rede contan con milleiros de seguidores que as converten en auténticos fenómenos virais: «Non é a miña meta nestes momentos, pero se xorde a oportunidade apuntaríame, pois sería unha experiencia única».

En cada actuación, o mozo boirense achega o seu gran de area á introdución do galego nun estilo musical no que manda o castelán, pois moitos dos reis da improvisación que máis sona teñen en Internet son de América latina. Mucho Muchacho, Erick Hervé e Dano están entre os rapeiros preferidos de Álex Hermo, que asegura que realmente non ten un ídolo neste eido, no que a diversión é o seu único obxectivo: «Agora, por mor da pandemia, estamos máis limitados, pero antes trataba de quedar con frecuencia cos amigos para botarnos uns rapeos».

Non dubida en arrancarse a rimar, aínda sen unha base musical que o acompañe, cando recibe a proposta de completar a reportaxe cuns versos vinculados co rap: «Que é para min o rap, é como respirar, porque me sae natural, non sei que pensar, ver a vida pasar, é como respirar, ir e volver atrás, sempre se volve a repetir o bucle do bum bab, todo o que baixa sube e eu subo co meu rap».

O rapeiro. O Jallejo, sobrenome que lle colocaron xogando ao fútbol, gañou o CeibaRimas, a primeira competición online de rap improvisado en galego.

A persoa. Álex Hermo está cursando o ciclo superior de Administración de Sistemas Informáticos e Redes no IES Leliadoura de Ribeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Álex O Jallejo: O rei do rap improvisado en galego