Corsarios

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ben sabe a xente que me coñece, interésanme de sempre as historias de piratas e corsarios. A nosa zona litoral, coas súas voltas e viravoltas, atesoura desde época medieval unha longuísima tradición de encontros máis ou menos violentos con xentes do norte e do sur. E non falo só dos viquingos, que só ocuparon unha pequena franxa temporal dos últimos mil douscentos anos. Os piratas musulmáns, os corsarios ingleses ou franceses, ou a propia e temible piratería e o corso galegos -nós non fomos uns santos-, acaban constituíndo un fascinante conxunto de historias.

Moitas delas están dispersas en expedientes, relacións e informes que se atopan custodiados no Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña ou noutros centros documentais. Dos desembarcos, combates, desercións, historias heroicas, secuestros, reféns, valentías e ruindades consérvanse nomes de persoas, relatos de accións e lugares nos que sucederon nos nosos concellos. Temos ata exvotos narrando de xeito visual os feitos. A realización dunha sólida investigación histórica permitiría documentar con facilidade os escenarios, como o monte da Garita de Ribeira ou algunha atalaia que foi recentemente investigada na serra do Barbanza. Ese traballo aínda está por facer.

A memoria da piratería en Galicia só é algo que foi aproveitado ata o de agora en Cangas do Morrazo. Temos aquí a oportunidade de poder contar unha gran historia sobre o noso litoral, preparar un gran roteiro ao redor desta temática e crear un relato atractivo que lle engada valor ao territorio. Non sería un gran proxecto para presentar cando saiamos da pandemia?.