Faladoiros

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

26 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa que está caendo co covid-19, o incremento dos contaxios, o pesadelo das vítimas mortais e as polémicas sobre estados de alarma e medidas varias para conter o avance da pandemia, resulta difícil falar de algo que non sexa o coronavirus. Pero, por incrible que pareza, seguen existindo outro tipo de problemas que, coa urxencia da crise sanitaria parecen menores, pero que non o son tanto. E previsiblemente pasarán a un segundo ou terceiro plano cando as consecuencias económicas da situación que estamos a padecer se fagan cada vez máis evidentes.

En resumen, que igual parece que non é o momento para tratar segundo que cuestións, pero hai cousas que me preocupan máis alá deste virus que parece empeñado en acabar coa vida tal e como a coñeciamos. Está por ver quen sobrevive a el, e o galego, a lingua, é unha das posibles vítimas, por incrible que pareza. Que cada vez se fala menos é unha evidencia de difícil discusión, que se palpa na rúa e que confirman estudos coma os da Real Academia Galega. Pero non imaxinaba que chegara a algúns estremos, e quedei abraiada ao descubrir que en algunhas cidades se organizan faladoiros de galego, como os encontros en cafeterías para practicar o inglés, pero para perfeccionar o idioma autóctono. Isto en si mesmo non é negativo, máis ben ao contrario, porque evidencia que hai xente interesada en falar e en perfeccionar o seu galego conversando con outros, pero é preocupante que a xente teña a necesidade de autoorganizarse para logralo. E o que é peor, que as persoas que queiran deixen de ter esa oportunidade porque este tipo de actividades están agora condicionadas polo covid.

Pois iso, que é imposible non falar do maldito virus.