Turismo «freak»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

06 oct 2020 . Actualizado a las 09:21 h.

Universidade da Coruña encomendoume unha reflexión sobre as relacións e interaccións entre as agresións ao patrimonio cultural e o turismo. É ético e viable promocionar turisticamente un caso como o de Borja, no que o Ecce Homo vén sendo unha fonte de ingresos por visitas turísticas?

Analicei todas as tipoloxías sobre o maltrato do noso patrimonio e a repercusión turística que teñen ou que poden ter, por se se pode establecer un paralelismo co caso de Borja, ou outros similares. As miñas conclusións nin collen nesta columna nin sería ético publicalas antes de que ese estudo, de nivel internacional, vexa a luz, pero si vou dar unhas pautas sobre algunhas das miñas reflexións.

É miña a frase de que debemos ver o patrimonio como un atractivo turístico e nunca como unha atracción, porque podemos banalizalo de tal xeito que o convertamos nun parque temático, mesmo na diana dos agresores. É, tamén, un terreo de xogo moi perigoso, porque de chegar a asociar unha agresión con posible promoción turística, pode animar a crear fitos do turismo freak, que en inglés significa extravagante, estrafalario ou estraño, raro.

Non está o noso patrimonio para que se derive nesa liña extravagante, moi ao contrario o que temos é que darlle carácter de seriedade e impoñer un código de conduta que diminúa a liña que levamos de agresións semanais.

Pintadas, roubos e expolios ou estragos arqueolóxicos son parte dunha desgrazada lista que marca o devir do século XXI, por mor de moitos factores como a distopía na educación, o abandono do rural ou a moda do autorretrato no Instagram.