Mentres fermenta o mosto

BARBANZA

03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa o di a sabedoría do refraneiro: «Con pan e viño ándase o camiño». Sen embargo nunca ó pan se lle cantou tanto como ó viño. Deberían ser inseparables, pero ninguén sae a dar unha volta para tomar un codelo, senón unhas cuncas (en plural) e xa todos sabemos que levan elas. O sabio Isidoro de Sevilla deixou escrito algo tan acertado como que toda comida necesita de dous elementos fundamentais, pan e viño; e de feito non pode haber mesa en que falte unha das dúas cousas, talvez por iso se converteu en norma de cortesía, cando nos invitan, agasallar ós anfitrións cunha botella de viño. E por que non un molete?. O meu amigo Afonso, cada vez que entra na casa pregúntame «Que viño tes?», e Xoán bérrame desde a porta da súa: «Vén tomar un Barrantes». Nin un nin outro pregunta ou invita a un anaco de pan.

Aínda que nalgúns lugares poden ir con atraso, a estas alturas do ano xa se fixo a vendima e os pipotes están fermentando o mosto con ollos esperanzados. Don Antonio Fraguas lembraba, a través dos versos de frei Samuel Eiján, que a colleita de uvas asegura pan abundante e plans de opulencia, por iso se canta durante a vendima, ó finalizar a mesma e, sobre todo, cando se cata o produto final. Tamén di frei Samuel que o froito da vide «extingue alarmas e temores e promove o vivir tempos mellores»; e de feito o viño acababa por ser a moeda con que mercar o resto de bens necesarios. O tío de Xulio regaláballe ó médico da súa vila un pipote cada ano, para ter garantida unha atención preferente. Nunca lle regalou pan nin o doutor llo aceptaría.

Por algo sería que os romanos, para quen eran pobos incultos aqueles que non coñecían o viño, cando celebraban neste mes de outubro a deuses relacionados coa medicina e a saúde, tiñan uns días para festexar o final da vendima en honor de Meditrina, protectora das vides e favorecedora da cura das enfermidades, ofrecéndolle o primeiro mosto co ritual de beber viño novo mesturado co vello mentres recitaban o salmo: «Bebo viño vello, bebo viño novo, e así curo das enfermidades vellas e das enfermidades novas»; non en van, de sempre, o viño quente foi un dos remedios máis eficaces contra os trancazos invernais. E xa vos imaxinaredes por que ás sopas de burro cansado se lles chama así. Segundo din os sabios da miña vila, «uvas ou viño sen pan nin no inferno o dan», pero xa vedes como un gaña fama e o outro vai pasando. De tan apreciado hai quen se emparenta con el facendo do branco seu primo e do tinto seu curmán, hai quen bebe para matar penas e quen o fai para avivar a alegría. El foi o primeiro grande descubrimento despois do diluvio universal e o máis antigo antiséptico da historia.

Non imos facer unha glosa de bebida tan apreciada polo cego de Lázaro de Tormes, quen despois de romperlle a cara co xerro ó seu pupilo, lamentaba ter que gastar tanto viño en curarlle as feridas.

En fin. Vou tomar unha cos amigos. Un sempre sabe a que hora é a cita para esta cura da alma, pero non cando acaba. Os parladoiros entre cuncas sempre se alongan en función do que dure a xerra, non do asunto a debater.