San Migueliño das uvas maduras

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de setembro, cando a noite coas súas tebras vai dobregando ó sol, sorpréndennos uns días para volver a sacar a roupa de verán. É o veranciño de san Miguel, alentador pero curto, como proclama o refrán: «San Migueliño das uvas maduras, que tarde vés e que pouco duras». Podía levar o nome de calquera outro arcanxo, pois aínda que a fama a leva este guerreiro, a igrexa aproveita a mesma data para festexar a Rafael, o curandeiro, e a Gabriel, o mensaxeiro. Pero o protagonista é Miguel, porque na tradición cristiá, xudía e musulmá, considérase o protector dos fieis, quen, espada en man, combate ó maligno e a maiores aínda protexe o Paraíso cristián dos posibles polisóns que queiran entrar sen permiso nin méritos, facéndoos pasar por esa especie de alfándega onde presentar credenciais e pesar as súas obras antes de sinalarlle o destino, o que o converte nun ser temido, e polo tanto a quen adular para telo de man na hora da verdade, non vaia ser que por uns gramiños de nada, en vez de subir as escadas do gloria, teñamos que baixar os chanzos dos fornos infernais.

Tamén nos recomenda a tradición non coller, apañar ou comer amoras no seu día, pois nas silveiras pode estar o demoño a quen o arcanxo, defensor da Igrexa, das ánimas e dos cobradores, acostuma amarrar con silvas para devolvelo así enfardado á súa covacha.

Xulio, para quen todo é necesario e nada está demais, tanto a maldade como a bondade necesitan unha medida comparativa para ser valoradas, e dado que canto máis malo sexa o mal mellor valorado será o ben, canto máis cheas estean as caldeiras do inferno mellor calefacción terán no ceo.

Deixando as teorías de Xulio a un lado, a realidade é que buscando a raíz desa función pesadora, a súa figura mestúrase con aquel Anubis dos exipcios, asemade acompañante dos finados polas vereas do Alén desde moito antes de que o arcanxo se dese a coñecer como o interlocutor de Moisés ou quen freou ás hordas do faraón para que ós hebreos lles dese tempo de pasar o estreito antes de que subise a marea.

Anubis foi quen patentou a idea de usar unha balanza para saber se os finados podían ou non estar na compaña do seu deus, sempre e cando o corazón, sen odio nin rancor, fose máis livián ca unha pluma chamada «da verdade».

Como queira que sexa, o día do san Migueliño (aínda chovendo) vén prevernos contra o dano que poden traer os días fríos e escuros que se aveciñan, eses temidos días, sobre todo neste mal ano, para as vías respiratorias, máis aínda polo medo con que sentimos calquera tose ca polas consecuencias dun outonal trancazo que noutro ano que non fose este non tería maior importancia.

Nesta ocasión botaremos de menos que non se repita a lenda do papa Gregorio I entrando en Roma durante unha peste que asolaba a cidade, armado de estandartes e cánticos aduladores, e ó pasar á altura do castelo do Santo Angelo, xa preto do Vaticano, viu sobre as ameas da torre, ó arcanxo envaiñando a espada e dándolles paso franco despois de derrotar ó maligno que estendía o mal sobre a cidade.

Mágoa que o arcanxo, tan pendente da calefacción celeste, delegase ese labor nas consellarías de Sanidade para dedicarse el a pesar o exceso de almas que a pandemia lle envía.