Mundo dixital

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

22 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

New York Times ven de rebentar a previsible normalidade xornalística publicando un longo artigo que describe como a dixitalización está orientada para as masas sociais e sectores máis pobres das poboacións, e que a vontade é a de crear escravos dixitais. Engade o artigo que as elites foxen dos dispositivos e programas de dixitalización da vida humana, porque supón unha grave perda de liberdade, de valores humanos e favorece a alienación e o control das súas mentes e dos seus parámetros cognitivos e de consumo.

Estudos científicos nos que apoian o relato apuntan que as persoas que pasan máis de dúas horas ao día fronte a un dispositivo electrónico -móbil, tableta, ordenador- acaban tendo un nivel cultural inferior, e o que é peor, esa exposición adelgázalles a corteza cerebral. As propias compañías informáticas contratan neurobiólogos para lograr que a mocidade fixe a mente rapidamente nos dispositivos «na procura de comida chatarra», algo parecido ao que fan os grandes comercios para seducir aos compradores en produtos puntuais.

Disque esta actitude fronte ao mundo dixital xa se está convertendo nun símbolo de estatus social diferenciador de clase, e as elites evitan que os seus mozos accedan compulsivamente á tecnoloxía dixital.

É certo que a informática e a dixitalización abafan a creatividade das persoas, impedindo calquera idea que non poida ser previamente parametrizada. Dáse o caso de estudantes de arquitectura que nunca utilizan un lapis, o mellor dispositivo de conexión do cerebro coa creación, reducindo as emocións, as ideas brillantes.