Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Partida

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

30 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Chego a estas datas todos os anos coa mesma sensación: a de querer desaparecer ata de min mesmo. Marco nun mapa tres ou catro globiños, busco hoteis e casas xeitosas que non me estresen na procura de aloxamento no destino, e deixo ir o resto. Non me gusta trasladar ás vacacións a lóxica do tempo programado, da axenda milimetrada, que teño o resto do ano. Cada quen dentro das súas posibilidades, deberiamos ensaiar nas vacacións un modo de vida distinto que nos lembre que (aínda) temos capacidade de cambio.

Pero un dos meus principais praceres é a sensación do salto temporal; como ávido consumidor de xornais que son, sigo no día a día a prensa desde primeira hora da mañá. Pois ben, nada me gusta máis que marcharme a outro país e, ao volver á terra, tardar un pouco en recoñecer os temas que aparecen nas portadas dos periódicos. Se non cambian demasiado -como sospeito que vai pasar este ano- mala cousa. Gústame ser un Ulises ou un San Ero, e abraiarme co que me atopo á volta, aínda a risco de sorprenderme para mal.

Este ano non marcharei tan lonxe, pero cumprirei algúns deses rituais. Esquecereime durante uns días do país, descubrirei os viños locais, aprenderei (algunhas) palabras nunha lingua nova, mirarei solpores, camiñarei en sandalias sobre sendeiros ardentes, escribirei de vagar cun bo café ao carón, desbrozarei fincas infinitas, e seguro que loitarei para que non caian pontellas antigas que só me importan a min.