A siña Rodolfa

O arqueólogo, acuarelista e escritor Domingo Regueira é o autor destas liñas


A Voz de Barbantia

Coa a cabeza enchufada nas pranchas, a siña Rodolfa perecía a raíña de Inglaterra coa súa pamela xardín. Levaba tres colchóns de espuma, que non se lle vía a cabeza.

Eduardo, que dende a tenda viu pasar aquela plataforma, saíu correndo a indagar o que era e, polos zapatos sen cordóns, descubriu que a portadora era a siña Rodolfa.

-Siña Rodolfa, de onde vén con tanta carga?

E con voz de bufanda, contesta:

-Do mercadiño, meu fillo. Había un camión que por un, dábache dous de regalo.

-E logo, facíanlle falta? -pregunta Eduardo.

-Home non..., pero..., como eran tan baratos, non quixen perder a ocasión.

-E onde os vai meter?

-De momento, aínda non teño proxecto ningún pero, se cadra, pódolle poñer un ás galiñas, outro ao can, e o outro para os ghatos.

-Pois podía esperar a Reis, e botáballos no prato.

-Eu non che son monárquica.

Siña Rodolfa! Parece que está amoblando un motel! -interpela unha veciña, sacudindo a alfombra.

-Non... Vou facer un bordel comanche. Se tes algunha necesidade, podes pasar por alí.

Rodolfa...! -salta unha, varrendo a porta-. Seica vai de ligue...!

-Xa vexo que es moi limpa e aseada; pero estou barrenando que, en vez das ghalinas, cans e gatos, vou empregar os colchóns para que se veñan revolcar algunhas lagartas do Cantón.

Con aqueles chascareillos, á siña Rodolfa fóiselle quentando a cabeza e perforou as pranchas de baixa densidade ata quedarlle os colchóns coma a «leitughiña» de Velázquez.

Agora, a Rodolfa pedía que lle axudasen a librarse do colariño.

Saíron uns homes do bar e intentaron quitarllas por arriba, pero enganchábanselles nos pendentes. Probaron por abaixo, pero non pasaron da cintura.

Agora parecía unha bailarina do impresionista Degas.

Con estas lerias, formouse unha recua de coches que chegaba á Ponte de San Antón.

A xente abandonou o mercado e, polas corredoiras, cabalgaban uns nos outros para ver o episodio.

O xentío atuía os calellóns.

Como a caravana atronaba, decidiron chamar os bombeiros para desprazar o acontecemento a un descampado.

Pita a sirena e, co guindastre, izan os colchóns e a bailarina, que sofre un contratempo: a goma melada da braga cedeu de podre, e esta, facendo círculos, aterrou nos zapatos, provocando unha composición artística que alguén soubo aproveitar.

Coas mans no alto, os morbosos non facían máis que disparar os móbiles cara á suspendida, que con esforzo enroscaba as pernas.

Un Duchamp presente aproveita para facerlle unha foto ao lastrado equipaxe da aducida. Esta instantánea terá gran repercusión nalgunha galería de Manhattan como obra conceptual, que titularán Bagaxe dunha abducida.

O fenómeno foi tan sonado que o Íker, de Cuarto Milenio se acercou á vila para aclarar unhas fotos.

-A ver, señora Rodolfa, esta foto de cando vostede ía abducida polo aire, que representa?

-Pois represéntalle o «pe-cho-do-cuá». Ala!

-Podía traducirmo?

-Pois élle un buxeiro negro dos que falaba o tollidiño Stephen Hawking. Válelle?

-Pois si.

-Pois ala! E, se non o ten claro, hai filólogos, tradutores, correctores ortográficos e léxicos moi concisos, rigorosos e meticulosos que llo fan todo gratis.

E mentres, ao lonxe, escóitase:

-El colchonero, oiga! El colchonero! Dos por uno!

Domingo Regueira

É natural de

Palmeira. Arqueólogo,

acuarelista e

escritor de

narracións minimais

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A siña Rodolfa