Ollos divinos

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

VIOBIO LAB-CSIC

11 jul 2020 . Actualizado a las 09:59 h.

Cando a esposa do bo Shiva se lle acercou por detrás para pecharlle os ollos bromeando (quen son eu?), o sol apagouse, e entón el fixo nacer un terceiro ollo na fronte, co que podía velo todo a través do tempo, entender o pasado e prever o futuro, representado na actualidade con esa especie de lunar que os seus devotos portan no lugar «onde reside a sabedoría», para retela.

Entre nós comparamos o prezo ou a carestía das cousas co valor dun ollo da cara, e non é para menos, pero, canto custa este? Se tivésemos que pórlle prezo, supoño que moitos non o venderíamos por nada, aínda a pesar de que sempre nos quedaba o outro. E é que desde a famosa sentencia do código de Hammurabi, de ollo por ollo e dente por dente, non hai membro tan valorado no corpo. El ve, prevé e fainos entender, a pesares do que deixou dito o sabio Max Estrella cando, para defender a súa condición, mentres daba tombos pola noite madrileña sentenciaba con sabia clarividencia: «Os ollos son uns ilusionados mentireiros».

Só dúas cousas se chegaron a pagar con un ollo: a sabedoría e o coñecemento. Foi cando o xigante Mimir viu chegar a Odín, o valente deus dos pobos nórdicos, para beber da fonte da sabedoría que aquel custodiaba, na procura da prudencia e o bo xuízo necesario para guiar ós seus devotos. Tras largo regateo, a troco dun vaso de auga o vixiante pediulle un dos seus ollos. Tal vez desde ese momento quedou fixado para sempre o seu prezo.