Pagar por sachar patacas


Sachar patacas, dar de comer aos porcos, sulfatar as viñas, limpar os galiñeiros, sacar a pastar ás vacas... Calquera pensaría que se trata dunha extenuante xornada de traballo no rural. Equivocaríanse. En realidade é a nova vida do turista occidental.

Lonxe queda xa o desexo de pasear en barco polo río Sena de París ou o de lanzar unha moeda á Fontana de Trevi en Roma. Agora búscase transcender e unha das últimas tendencias é o agroturismo, que vén a ser pagar por traballar uns días nunha bucólica granxa perfectamente acondicionada. «Conecta con tu yo interior, siéntete uno con la naturaleza. Encuentra lo realmente importante de la vida», proclaman os influencers nas súas redes sociais acompañados de fotos deles perfectamente vestidos e peiteados mentres apertan un puchiño entre os seus brazos. Alguén tería alí que explicarlles que seguramente o vaian a comer uns días máis tarde.

Logo de décadas nas que xeracións enteiras deixaron o rural para emigrar ás urbes na busca dunha nova vida, agora son os seus netos e bisnetos, logo de pasar unha fin de semana sachando unha leira, os que lles explican aos seus avós que a verdadeira maneira de realizarse é a de ser un coa natureza. O mundo nunca deixa de sorprendernos.

Eu xa espero pola próxima frivolidade turística. Imaxínome unha semana ou unha quincena no Gran Sol. «Encuentra tus límites en la inmensidad del Atlántico Norte», sería o slogan escollido. Espero un éxito económico rotundo. Sempre que ninguén lles diga que non hai conexión a Netflix nin a Instagram.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pagar por sachar patacas